A FIC celebra a súa II feira de prácticas de empresa, coa colaboración do CITIC

xoves, 8 de abril do 2021 S. P.

Hoxe celébrase na nosa terra un evento directamente encamiñado a tender pontes de emprego entre o tecido produtivo tecnolóxico e as vindeiras e vindeiros profesionais do sector. Trátase da II Feira de Prácticas en Empresa da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Celébrase de forma online e coa colaboración de entidades referenciais, como o Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC.
Tamén estarán presentes as empresas Balidea, Aldaba, ATSistemas, Corunet, Denodo, Everis, Imatia, Inetum, Inycom, o ITG, Orienteed ou Management Solutions.
A xornada está dirixida especialmente a estudantes de terceiro curso da Facultade de Informática con interese en realizar prácticas en empresa no curso 2021/2022 e, por extensión, a todo o alumnado da Facultade de Informática da Coruña.
Segundo nos conta o CITIC, este encontro dará a coñecer aos e as estudantes as demandas actuais do mercado laboral e o programa de prácticas do que dispoñen. Ademais, poñerá en común as expectativas do alumnado coas principais empresas participantes na oferta de prácticas do centro. Así, poderán coñecer como e en que proxectos traballan as empresas e, por outra banda, a empresa poderá coñecer as inquietudes do alumnado antes de empezar a realizar as súas prácticas.
O programa comezará coa apertura de stands virtuais das empresas participantes ás 11.30 h e prolongarase ata as 20.00 h. Celebraranse diferentes obradoiros técnicos, ofrecidos por representantes das empresas, e charlas de orientación.

PUBLICIDADE