A Estratexia Educación Dixital 2030 achegará un investimento inicial de 120 millóns
xoves, 2 de setembro do 2021
A
Xunta
deu este 2 de setembro detalles relevantes sobre a Estratexia de
Educación Dixital 2030. O encargado de debullar este plan foi o
presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, quen fixo
saber que vén cun investimento inicial de 120 millóns de euros para
os primeiros tres anos de aplicación, con vistas a “acadar un
ecosistema de alto rendemento” e conseguir “a transformación
definitiva das aulas”.
Dixo
tamén que se apoia en dous alicerces fundamentais: en primeiro lugar
un ecosistema educativo dixital de alto rendemento; e, segundo lugar,
o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias para
acadar unha verdadeira transformación dixital. En base a isto,
porase o foco nun proceso dixitalizador inclusivo, que “non deixe a
ninguén fóra”, e máis nun tipo de educación que potencie os
contextos híbridos de aprendizaxe, mesturando o dixital e o
presencial. Tamén se fará fincapé en emendar o problema da fenda
dixital e en loitar contra o despoboamento do rural a través deste
proceso transformador.
Feijóo
avanzou que a primeira das actuacións terá que ver coa creación, o
acondicionamento e a dotación de polos creativos en todos os centros
educativos públicos de Galicia. “Estamos a falar de espazos de
solución de problemas reais, pensamento de deseño e habilidades,
abordados dende unha perspectiva de competencia STEM“, precisou.
Outras
das medidas serán a posta en marcha dunha plataforma de asistencia
ao profesorado mediante a aplicación de Intelixencia Artificial, así
como á creación dunha Aula Virtual Intelixente, que permitirá
afondar na recomendación de actividades, tarefas e itinerarios
personalizados.