A Enquisa sobre a Sociedade da Información en Galicia amosa un importante incremento do uso da Internet dende o fogar

luns, 16 de marzo do 2009 Marcus Fernández

O Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI) publicou hoxe, por 3º ano consecutivo, o resultado da Enquisa á poboación sobre a Sociedade da Información en Galicia, no que se analiza polo miúdo o equipamento e o uso das TIC e a súa evolución nos fogares galegos, destacándose unha converxencia coa media estatal en elementos como a porcentaxe de poboación cun ordenador no fogar (que xa é do 62,3% no caso galego).
A contratación de accesos a Internet dende o fogar tamén medrou dun xeito importante, se xeito que o 41% dos galegos xa poden acceder á Rede dende casa, mentres que en 2007 esta cifra era de só o 30,2%, o que supón un crecemento do 35,8% mentres que no resto de España só medrou un 14,3%.
A banda larga tamén experimentou un importante crecemento, pasando do 23,1% en 2007 ao 35,4% en 2008, sendo o ADSL a tecnoloxía maioritaria (co 53% dos fogares galegos) e superando máis da metade das conexións os 2 Mbps de velocidade, o que supón unha importante evolución con respecto de anos pasados, nos que se comentaba ironicamente que o acceso á Rede podía definirse coma o ciberdespacio.
Os accesos á Rede tamén evolucionaron en frecuencia, de xeito que cada vez é maior o número de cidadáns que acceden á Internet a diario, aínda que tampouco puidemos dicir adeus ás tradicionais barreiras entre grupos de poboación, de xeito que a enquisa indica que a utilización do ordenador e da Internet acada as porcentaxes máis altas entre os homes máis novos, cun maior nivel académico, estudando ou economicamente activos e con residencia no hábitat urbano.