A ETSE de Enxeñaría de Santiago rememora os seus logros na súa festa do décimo aniversario
venres, 13 de abril do 2012
A Escola Técnica
Superior de Enxeñaría de Santiago (ETSE) celebrou este
xoves o seu décimo ano de vida, e
fíxoo cun acto presidido, no propio centro emprazado no Campus Sur compostelán,
polo reitor Juan Casares Long, quen estivo acompañado polo director da ETSE,
Juan Lema, o ex reitor Senén Barro e máis o ex vicerreitor de Infraestruturas
Antonio López. A celebración arrancou coa presentación da memoria de
actividades da Escola durante 2010-2011 a cargo da secretaría do centro María
Teresa Moreira.
Continuou coa entrega dos premios ao Mellores Expedientes e
Mellores Proxectos Fin de Carreira, aos da Calidade Lingüística de Traballos
Académicos, os Leonardo á Docencia e Leonardo á Iniciación e os de Docencia en
inglés no curso 2010-2011. Ademais, entregáronse os premios Tecnocom e Coremain
ao Mellor Traballo Fin de Grao en Enxeñaría Informática e o premio Coremain ao
Mellor Traballo Fin de Master en Investigación en Tecnoloxía Informática.
A Escola Técnica
Superior de Enxeñería é o centro máis novo da Universidade de Santiago. Foi
creada en 2003 co obxectivo de acubillar as titulacións tecnolóxicas do campus
compostelán nos ámbitos da enxeñarías ambiental, Informática e Química.
Actualmente, acolle os graos en Enxeñaría Química e en Enxeñaría Informática,
ademais do Master en Enxeñaría Ambiental, pioneiro en España; de Tecnoloxías da
Información; Computacións de Altas Prestacións; e en Enxeñaría de Procesos
Químicos e Ambientais; e en Enxeña.
Segundo fixo saber
Juan Lema no acto de celebración, nos departamentos que dan acubillo a estas
titulacións levan a cabo o seu traballo grupos de referencia, recoñecidos a
nivel internacional. Ademais, salientou que a Escola “quere distinguirse polo seu espírito innovador en docencia e
investigación e polo seu ambiente de traballo estimulante e amable, mantendo iniciativas
innovadoras como o programa de Aula Profesional, onde se complementa a formación
en capacidades transversais”.