A ETSE da USC conmemora o Día da Escola de Enxeñaría poñendo o foco na Intelixencia Artificial

venres, 16 de abril do 2021 S. P.

JPEG - 66.9 KB
Un intre do acto celebrado dende a ETSE nunha imaxe de Santi Alvite

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC conmemorou este 16 de abril a súa festividade (Día da Escola en Enxeñaría) cun acto institucional que se desenvolveu en liña e que serviu para recoñecer o espírito investigador e innovador de profesorado e alumnado. En concreto, serviu entre outras cousas para facer entrega simbólica dos premios Fin de Carreira convocados pola ETSE da USC xunto coa empresa Altia, dos que falamos en Código Cero.
A maiores, o relatorio Intelixencia artificial e computación no bordo: smart data versus big data, a cargo da directora adxunta do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Paula López Martínez, nutriu un acto no que tamén tomaron parte a directora da Escola, Julia González, e o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa.
Ao comezo do evento online, Óscar Rodríguez Figueiras, secretario do centro, deu lectura á Memoria de Actividades da Escola no curso 2019-20 e na que a loita contra a COVID-19 ocupou un lugar crucial. Neste senso, subliñouse a contribución da ETSE na produción de xel sanitizante dirixido a fornecer ao Servizo Galego de Saúde, alén de á propia Universidade.
Entrega de galardóns
Como dixemos, no transcurso dos festexos tamén se procedeu á entrega simbólica dos galardóns Leonardo correspondentes á Docencia e á Investigación, así como o premio Altia ao mellor Traballo Fin de Grao (TFG) no grao en Enxeñaría Informática, o Viaqua aos mellores Traballos Fin de Grao (TFM) no Mestrado en Enxeñaría Ambiental, e o DXC ao mellor TFM no Mestrado en Tecnoloxías de Análise de Masivos: Big Data.
Asemade, entregáronse os galardóns correspondentes aos Premios Extraordinarios Fin de Carreira, os galardóns aos máis destacados expedientes, así como aos mellores TFG e TFM.
Tamén foron entregados os Premios á Calidade Lingüística no eido dos TFG e TFM.

PUBLICIDADE