A ETSE da USC, DXC e Obradoiro CAB revolucionan o baloncesto cun software de analítica avanzada

luns, 26 de xullo do 2021 S. P.

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC compartiu detalles dun software creado polo alumnado do Grao en Enxeñaría Informática para facilitar a análise e a preparación de partidos de baloncesto, e tamén para o perfilado estatístico de posíbeis incorporacións de xogadores. A ferramenta está a ser empregada na actividade cotiá do Obradoiro CAB, facendo cálculos estatísticos e visualizacións avanzadas sobre distintos aspectos do xogo. O club Monbus Obradoiro emprégao dentro dos seus procesos de preparación de partidos e análise de deportistas e estratexias.
A máis recente versión deste software, que comezou a materializarse hai agora catro anos, foi dada a coñecer recentemente polo desenvolvedor Diego Coladas, quen deseñou novas funcionalidades orientadas a extraer e analizar o tempo de posesión, cruzar esta información coas distintas accións do xogo (tiros, faltas, asistencias, ...) e facer visualizacións das mesmas. Estas aplicacións achegan datos de valor para a toma de decisións nun partido, xa que inciden en aspectos concretos que poden axudar a unha mellor organización da táctica deportiva, aspectos como “coñecer cantos segundos de posesión restan no momento no que sucede cada acción ou analizar que xogadores funcionan mellor en momentos importantes do xogo, ou tamén identificar quen posúe un maior porcentaxe de acerto nos últimos segundos da posesión ou quen finaliza mellor e en que lugares da pista”, explicou o profesor David D. Losada.
A orixe
A creación desta ferramenta remóntase a 2017 como unha colaboración entre a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC, DXC Technologies e a área de analítica de datos do Obradoiro CAB orientada ao deseño e desenvolvemento de software de apoio aos procesos de scouting no baloncesto profesional. Fran Camba, analista de datos para o Obradoiro CAB, é o principal promotor deste proxecto colaborativo no que por parte da ETSE participa David E. Losada, profesor da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e investigador adscrito ao CiTIUS) e, por parte de DXC Technology, participa Adolfo Sanz.
A última achega de Diego Coladas Mato, súmase ás de Manuel González López, Lucas Souto Rendo e Pablo Martínez Rodríguez, quen orientaron o seu Traballo Fin de Grao cara esta temática. Entre as funcionalidades do software proposto atópanse a captura de datos procedentes de múltiples ligas profesionais, a análise e extracción de información procedente das secuencias play by play e a visualización avanzada da carta de tiro (lugares da cancha onde os xogadores tenden a acertar/fallar os seus lanzamentos).
Esta liña de colaboración entre ETSE, DXC Technology e Monbus Obradoiro continuará no próximo curso coa proposta de novas ampliacións.

PUBLICIDADE