A ETSE (Santiago) e a EPSE (Lugo) acollerán en xuño e xullo un campus tecnolóxico para a rapazada
mércores, 31 de maio do 2023
A primeira
edición do Campus Tecnolóxico celebrarase na Escola
Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) do Campus de Santiago de
Compostela e na Escola
Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo
durante as semanas do 26 ao 30 de xuño e do 3 ao 7 de xullo. Esta
iniciativa pretende “promover o desenvolvemento na cativada de
habilidades relacionadas coa linguaxe da programación e as novas
tecnoloxías”, en palabras da USC.
Dirixido a nenos/as e mozos/as de entre 6 e 16
anos, contará con obradoiros de drons, domótica, IoT (Internet
of Things) con Micro:Bit, obradoiros de robótica con LEGO,
Edison e Arduino, de programación de aplicacións móbiles e
desenvolvemento de videoxogos ou fabricación dixital con impresoras
3D.
Baixo o lema STEM camp misión a Marte,
esta primeira edición formulará unha viaxe ficticia ao planeta
vermello. “Todos xuntos descubriremos que a Terra axiña non será
habitábel e que o planeta vermello podería ser a nosa salvación.
Mergullámonos nesta aventura explorando, inventando, construíndo e
descubrindo se a vida é posible neste novo fogar”, explican dende
a organización que corre a cargo de Play Code Academy.
“Todos os talleres están especialmente pensados
para que o alumnado o pase xenial. Adaptados por idades e niveis,
descubrirán como utilizar a tecnoloxía para expresarse, construír,
colaborar e compartir. Farán novas amizades e aprenderán a linguaxe
do futuro: o da programación”, engaden. O horario das actividades
desenvolverase de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres, cun receso a
media mañá. A inscrición pode formalizarse a través da páxina
web do Campus Tecnolóxico ata que se esgoten as prazas ou ata quince
días antes do inicio da actividade.