A EOS M50 é a primeira mirrorless de Canon con gravación de vídeo en 4K

luns, 26 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Nun momento no que estamos pendentes das novidades da telefonía móbil, Canon soubo facer xirar a cabeza para botar un ollo ás súa novidades no sector da fotografía dixital, pois presentou a súa nova cámara Canon EOS M50, unha cámara sen espello que sería a primeira da marca en poder gravar vídeo 4K, contando tamén con pantalla táctil de ángulo variable e o último procesador de imaxe DIGIC 8.
Esta cámara con sensor CMOS APS-C de 24,1 Mpíxeles pode disparar de xeito continuo 10 imaxes por segundo, conta con conectividade Bluetooth e Wi-Fi (para o control remoto e a transferencia de contidos), está equipada cun sistema de enfoque automático super-rápido, permite gravar vídeo en alta definición de até 120 imaxes por segundo (para poder logo reproducilo a cámara lenta), inclúe a posibilidade de gardar as fotografías en C-RAW (un formato RAW que permite aforrar entre un 30 e un 40% do espazo de disco) e, como vén sendo habitual nesta familia, é compatible cos obxectivos EF-M e os flashes Speedlite.
O seu prezo en EE.UU. será de 780 dólares, e chegará ás tendas no mes de abril.

Vídeo de presentación da Canon EOS M50

Innovación no flash

Pero a nova cámara sen espello de Canon non foi a única novidade impresionante da marca, senón que tamén anunciou hoxe o primeiro flash do mundo con AI Bounc, unha funcionalidade que utiliza unha nova tecnoloxía intelixente que calcula e manobra a posición da cabeza do flash de xeito automático para crear a iluminación óptima nas imaxes, o que pode resultar de grande utilidade para quen aínda está a aprender a disparar con flash.
O flash Speedlite 470EX-AI sería o que sorprendería con esta tecnoloxía que facilitaría perderlle o medo á fotografía con flash, aínda que estamos cun flash que ten moitas máis prestacións e sería compatible coa meirande das cámaras Canon EOS comercializadas a partires de 2014.

Vídeo de presentación do flash Speedlite 470EX-AI

PUBLICIDADE