A EGAP estrea unha nova plataforma de teleformación

venres, 11 de setembro do 2020 S. P.

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) vén de actualizar a súa plataforma de teleformación á versión 3.9 de Moodle, que é, segundo lembra a escola, un sistema web de ensinanza que permite crear e xestionar espazos de aprendizaxe online. A actualización permite “mellorar a experiencia formativa do persoal empregado público de Galicia, dotar aos docentes das ferramentas educativas máis innovadoras e facilitar a administración interna dos cursos”, segundo engadiu Vicepresidencia, de quen depende a escola.
Entre as novidades máis destacadas atópanse a posibilidade de incorporar materiais didácticos interactivos elaborados baixo o estándar H5P, a mellora da navegación dentro dos apartados dun curso e unha maior adaptación ás necesidades de cada usuario do taboleiro de cursos inicial. Ademais, esta renovación fixo posíbel a reforma do sistema de mensaxaría interna da aula, a posibilidade de enviar arquivos de audio e vídeo por parte dos usuarios sen necesidade de instalar aplicacións no dispositivo, a incorporación dun módulo de intelixencia artificial para realizar notificacións ao alumno e a mellora do módulo de enquisas, entre outras novidades.
“Todas estes avances”, explica Vicepresidencia, “permitirán asumir con eficacia a formación online impartida pola escola, que este ano se viu incrementada a causa da pandemia, o que obrigou a reconverter algunhas actividades programadas inicialmente como presenciais”.

PUBLICIDADE