A EGAP e AMTEGA apostan pola formación pública e privada para afrontar o reto da dixitalización

venres, 27 de xaneiro do 2023 S. P.

A EGAP acolleu este venres 27 de xaneiro a celebración dunha conferencia sobre as implicacións e consecuencias, para as institucións, as empresas e a cidadanía, do imparábel e universal proceso de transformación dixital. A cita contou coa presenza da directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, quen avogou por “reforzar a colaboración público-privada para impulsar a dixitalización e facer fronte á transformación tecnolóxica experimentada nas últimas décadas”.
Estivo acompañada polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia; o catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universidade Rey Juan Carlos e Administrador Civil do Estado, Manuel Arenilla Saéz, e o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en Abanca, Pablo Mateo Vázquez.
Sonia Rodríguez-Campos fixo especial fincapé na incorporación de ferramentas disruptoras derivadas da Intelixencia Artificial (IA), as API ou a aprendizaxe automática no sector público, “que supoñen un cambio de paradigma que nos conduce de xeito irremediábel a unha nova administración, unha administración de datos”.
A directora da Escola destacou tamén “a necesidade de transformar os perfís profesionais das administracións, requiríndolles aos empregados públicos habilidades que permitan actuar de xeito áxil ante novos modelos de xestión e procedementos”. Amais, a directora da EGAP subliñou o importante papel da formación, tanto no sector público coma no privado, “xa que os profesionais do futuro necesitarán non só coñecementos diferentes aos actuais senón tamén novas habilidades”.
Pola súa banda, o director da AMTEGA, Julián Cerviño, salientou a Estratexia Dixital 2030 de Galicia para consolidar a transición na comunidade galega e que “vai permitir crear un marco dixital que facilite a actuación das administracións local, autonómica e estatal de xeito complementario, a través do aproveitamento das sinerxías e a suma de esforzos”. Cerviño debullou os grandes avances tecnolóxicos rexistrados en Galicia nos últimos anos, cun 96% da poboación que accede á administración a través da vía electrónica e máis de 1,4 millón de cidadáns galegos que empregan o sistema de eAdministración Chave 365. Julián Cerviño lembrou os principais retos de futuro neste ámbito, que pasan por avanzar de forma eficiente nos procesos administrativos, mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía e facilitar as relacións entre as institucións e os cidadáns.
Pola súa banda, o catedrático Manuel Arenilla Sáez, autor do libro La Administración digital, afirmou que a revolución dixital é “unha oportunidade para refundar a Administración que, de non aproveitarse, conducirá á obsolescencia dunha parte da súa actividade”. O profesor apuntou que “non é posíbel que se produza a satisfacción efectiva das demandas cidadáns da administración se non se produce un cambio na súa cultura, o seus principios e valores”.
O director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en Abanca, Pablo Mateo Vázquez, destacou o papel da transformación dixital como unha estratéxica básica para aumentar a competitividade no sector privado, xa que permite incrementar a experiencia co usuario, promover a innovación de procesos e a mellora continua, facilitar a colaboración e a axilidade, a eficiencia e a trazabilidade.
A conferencia celebrada este venres 27 de xaneiro na EGAP iniciou o foro titulado Diálogos sobre innovación e competitividade no sector público e no sector privado, un novo espazo de conversa e debate xurdido ao abeiro do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) e dirixido a fomentar o diálogo entre a esfera pública e privada en ámbitos importantes para a sociedade.

PUBLICIDADE