A EGAP, AMTEGA e o CPEIG formarán aos empregados públicos en eAdministración

luns, 19 de agosto do 2019 Redacción

A transformación tecnolóxica da Administración galega é unha transformación en sentido duplo e multidireccional: impulsa e atinxe a formación dixital da cidadanía para tirarlle proveito aos novos servizos e, tamén, a do propio corpo de traballadoras e traballadores públicos. En base a isto, a Escola Galega de Administración Pública convocou unha nova edición do Curso superior de Administración Electrónica en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
O obxectivo é afondar, “dende unha perspectiva técnico-xurídica e cunha importante parte práctica”, na concepción da Administración Electrónica, incidindo “na relevancia que ten a súa implantación nos diferentes entes públicos da nosa Comunidade”. Os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques o fenómeno da eAdministración para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.
Este curso superior, que servirá para dar formación a 80 empregados públicos, celebrarase entre o 24 de setembro e o 22 de outubro e será impartido na modalidade semipresencial, con 30 horas presenciais en Santiago de Compostela e 84 en teleformación.
As entidades organizadoras da actividade engade é unha acción de balde e que vai dirixida ao persoal empregado público da Administración autonómica e das entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia que pertenzan ao grupos A1 e A2 do persoal funcionario ou aos grupos I e II do persoal laboral. A presentación de solicitudes estará dispoñíbel na zona de matrícula da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula) até o 16 de setembro.

PUBLICIDADE