A EEI da UVigo organiza unha xornada sobre as múltiples posibilidades das solucións abertas de xestión empresarial

martes, 22 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

A Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo vai acoller unha xornada sobre OpenERP, que é a etiqueta baixo a que comunmente englóbanse as ferramentas e servizos tecnolóxicos libres (sen licenzas privativas) dirixidos a facilitar os procedementos dunha empresa, xa sexa xestión de datos, ou ben operacións, comunicacións, distribucións ou promocións. A Xornada OpenERP celebrarase este venres 25 de abril en horario de 9.30 a 13.30 horas. O emprazamento elixido para as actividades é o salón de actos da Escola de Enxeñaría Industrial.
A xornada comezará ás 9.30 co acto oficial de apertura e a presentación de obxectivos e do programa. A continuación, será a quenda de Rafael Rodríguez, da Oficina de Software Libre da Universidade, que falará sobre aplicacións de código aberto no ámbito empresarial. Máis tarde, arredor das 10.30, intervirá Wilfredo Santana (da empresa Anubía Solucións na Nube) para afondar a importancia dos sistemas ERP no día a día das PEME. Arredor das 12.00 horas, falará Luis Eguizabal, profesor da Escola de Enxeñaría, quen fará un repaso por todas as cousas que poden facer estas ferramentas corporativas abertas no desenvolvemento dunha empresa. Santiago Argüeso, de Pexego Sistemas Informáticos, pechará a rolda de relatorios amosando os aspectos clave no impulso preciso para un proxecto de implantación. Para rematar, arredor das 13.30 horas, celebrarase unha mesa redonda arredor das diferentes solucións dispoñíbeis a día de hoxe en materia de OpenERP.
Lembrar, máis polo miúdo, que OpenERP é un sistema de xestión empresarial (ERP) de código aberto que cobre as principais necesidades das diferentes áreas da empresa: contabilidade, ventas, compras, almacén, inventario, proxectos, CRM, RRHH, TPV, tendas virtuais... Ademais, permite traballar mediante unha interface web e trátase dunha solución multiplataforma (Windows, Linux e Mac) e multilinguaxe. O obxectivo desta xornada organizada pola Escola de Enxeñaría Industrial é que os asistentes coñezan o verdadeiro potencial destas solucións e podan aplicalas con éxito na súa actividade profesional.

PUBLICIDADE