A Deputación de Pontevedra redobra esforzos para aumentar a ciberseguridade das empresas turísticas
martes, 19 de setembro do 2023
A
Deputación
de Pontevedra vén de achegar novos recursos para axudar as pemes e
emprendedores do sector turístico da provincia a impulsar a súa
transformación dixital segura. Fíxoo no marco do programa de
dixitalización integral de experiencias e destinos Tourist Inside
II.
A
través desta iniciativa, que mobilizará 18.000 euros, “as
empresas de turismo poderán beneficiarse dunha ferramenta para a
autodiagnose dos seus riscos en materia de ciberseguridade e mais
dunha guía de boas prácticas”, explicaron fontes da Deputación,
engadindo que terá unha duración estimada de tres meses e que
comezará cunha análise das necesidades do sector turístico da
provincia.
En
función dos resultados obtidos, realizaranse posteriormente a
ferramenta ou sistema de autodiagnose da ciberseguridade das súas
contornas dixitais e a guía ou manual de boas prácticas.
A
autodiagnose estará dispoñíbel no sitio web de Turismo Rías
Baixas, no menú Profesionais do Turismo, para os sistemas
Windows, macOS, Android e iOS. “Será un exercicio práctico
amigábel para que as pemes, micropemes e autónomos do sector poidan
detectar os seus riscos a través dun sistema tipo test online
(ou similar) que fomentará a aplicación de medidas de seguridade
nos seus negocios”, explica a Deputación, apuntando que o sistema
analizará as ameazas, vulnerabilidades, controis e usos adecuados
dos seus medios para que reflexionen sobre os seus activos críticos
e dispoñan de información sobre como abordar a súa protección. A
intención da entidade provincial é facer doado o complexo: “Dado
que a linguaxe de ciberseguridade adoita ser complexa para o público
non especializado, un dos obxectivos da guía de boas prácticas será
resolver as dúbidas que lles poidan xurdir durante o proceso”.
Así, o documento incluirá un glosario e contidos relativos á
ciberseguridade aplicada ao sector, principais ameazas en diferentes
dispositivos e medidas aplicables a cada un.
Tourist
Inside II é un programa da Deputación de Pontevedra que busca
acompañar a actividade turística da provincia na súa
transformación dixital, mellorando a súa eficiencia enerxética e
realizando unha vixilancia tecnolóxica. Está financiado pola Unión
Europea, cos fondos Next Generation, concretamente no programa de
axudas á transformación dixital e modernización das entidades
locais que forman parte da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes.