A Deputación de Pontevedra presenta un piloto para loitar contra a fenda dixital en cinco concellos

luns, 5 de decembro do 2022 S. P.

Este venres presentáronse os detalles do proxecto piloto Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra, impulsado pola Deputación. Na cita participou a presidenta Carmela Silva, xunto cos responsábeis dos cinco concellos que van participar, de arrinque, na iniciativa: A Illa, Moraña, As Neves, Cuntis e Forcarei. O proxecto, que se desenvolverá nestes municipios durante 2023 e 2024, terá un orzamento de medio millón de euros e recibiu unha achega de máis de 280.000 € do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
No encontro estiveron presentes os alcaldes e alcaldesas de Cuntis, Manuel Campos, de Forcarei, Verónica Pichel, da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, de Moraña, José Cela, e das Neves, Xosé Manuel Rodríguez.
A presidenta agradeceu a presenza e implicación dos cinco concellos participantes “polo compromiso e pola complicidade, porque sen iso e sen medidas non teremos resultados”. Ao sumarse, asegurou, “ides ser referentes nesta loita e grazas a este proxecto imos poder extraer datos e, froito do contacto coa xente, detectaremos o que solicitan e idearemos novos proxectos”. Carmela Silva lembrou que tanto a soidade non desexada como a fenda dixital son graves problemas que afectan moito o rural e engadiu que “a relación humana é fundamental porque somos seres sociais, e temos que darlle unha resposta desde o dixital”.
O Hub, explicou, busca a mellora das habilidades dixitais, orientado especialmente a persoas maiores e mulleres (aínda que se poderían sumar outras persoas que detecten esta necesidade), especialmente no ámbito rural onde a fenda dixital “é máis patente”, dixo Silva, engadindo que o proxecto chegará a aproximadamente 500 persoas.
O programa artéllase en tres bloques principais: capacitación e formación en habilidades e competencias dixitais, desenvolvemento dunha plataforma innovadora de formación cun módulo de creación de contidos e, por último, desenvolvemento de servizos e solucións inclusivas e accesíbeis adaptadas á contorna e aos colectivos en risco de exclusión en municipios de reto demográfico de carácter rural.
O Hub obedece á escasa rendibilidade e viabilidade económica da prestación de servizos presenciais en contornas rurais con pouca poboación, con procedementos substituídos pola autoxestión en liña, pero tamén debido ao aumento das canles dixitais para manter relacións sociais e por mor da desconfianza na seguridade nas transaccións económicas por descoñecemento e polas noticias de ciberdelitos. Así, o Hub impulsado pola Deputación busca que as TIC “se convertan nunha oportunidade para mellorar a autonomía e a calidade de vida da veciñanza e apoderala na súa relación coa administración, no mantemento de relacións e contactos sociais e no acceso á telemedicina ou á teleasistencia”, explicou a entidade provincial.

PUBLICIDADE