A Deputación de Pontevedra organiza un hackathon en liña para acelerar a dixitalización do terceiro sector

martes, 26 de xaneiro do 2021 Redacción

A Deputación de Pontevedra organiza os vindeiros 13 e 14 de febreiro o evento #SocialHack, a primeira edición do Hackathon Online de Innovación Social para o Terceiro Sector. Segundo informa a entidade provincial, trátase do segundo reto tecnolóxico deste tipo que promove a institución, a través do programa SmartPEME, tralo celebrado en 2019, daquela relacionado co sector turístico. Neste caso, o Hackathon estará vinculado á dixitalización das entidades sociais do chamado Terceiro Sector. Buscarase estimular o talento e a creatividade para acelerar este proceso.
Nesta nova edición do Hackathon, que repartirá 3.500 euros en premios, o desafío para os equipos participantes, que estarán formados por grupos multidisciplinares de entre 3 e 5 persoas, consistirá no desenvolvemento de solucións innovadoras que axuden “a unha mellor xestión da colaboración entre a comunidade e as entidades do Terceiro Sector da provincia, así como a mellora e maior eficiencia na captación de persoas asociadas e fondos por parte destas entidades”.
Debido á pandemia, o evento será integramente online, e comezará o 12 de febreiro cun acto de presentación, que será retransmitido por streaming, e os días 13 e 14 os equipos traballarán a través de ferramentas de videochamada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas.
As inscricións para #SocialHack poden realizarse na páxina web de SmartPEME e o reto está aberto a persoas de todo o territorio nacional, estudantes ou profesionais de áreas como desenvolvemento de aplicacións móbiles, deseño gráfico, Terceiro Sector ou área de negocio.
Unha vez que estea pechada esta convocatoria de inscrición, formaranse os grupos, que traballarán xuntos online durante a devandita fin de semana no desenvolvemento das solucións tecnolóxicas.
Os equipos terán o apoio de persoal experto en tecnoloxía e desenvolvemento de apps (contarase coa colaboración de Minube como provedor tecnolóxico), para resolver posíbeis dúbidas durante os dous días do Hackathon. Todas as propostas terán que ser inclusivas, vinculadas á provincia de Pontevedra e deberán fomentar a igualdade.
Despois de dous días de traballo, o xurado valorará a busca de ideas creativas, o desenvolvemento e deseño, a orixinalidade, a dificultade técnica, a usabilidade e a presentación. Haberá un primeiro premio de 2.000 euros, un segundo de 1.000 e un terceiro premio de 500 euros. O 18 de febreiro terá lugar en formato online o acto de clausura desta actividade, xunto coa entrega de premios.

PUBLICIDADE