A Deputación de Pontevedra organiza o seu networking sobre redes sociais para as PEME

martes, 19 de xaneiro do 2016 Redacción

A estratexia dixital para empresas será o tema a tratar por Francesc Pumarola neste seminarioPontevedra vai ser estes días unha cidade 2.0. Se onte adiantabamos dende Código Cero os obxectivos do evento vai acoller o día 25 a Facultade de Ciencias Sociais da Cidade do Lérez (a segunda edición do Social Media Day), hoxe é a quenda de lembrar o networking sobre redes sociais que prepara a Deputación de Pontevedra, facendo fincapé nas múltiples vantaxes que poden atopar nestas ferramentas e comunidades as nosas empresas e profesionais. A cita, como xa recordamos a semana pasada, será este mércores 20 de xaneiro e celebrarase no pazo provincial. A sesión, moi centrada en amosar o potencial das redes como canle de venda, será impartida por Francesc Pumarola, digital manager de Hijos de Rivera.
A xuntanza vén da man da iniciativa CPAE 2.0 (Deputación de Pontevedra), rede de centros atendidos por técnicos especializados en novas tecnoloxías da información e con sedes en Lalín, Cambados, Pontevedra, Vigo, Ponteareas e O Porriño.
A xuntanza comezará ás 10:30 horas coa presentación do CPAE 2.0 a cargo do deputado provincial Francisco Javier Dios Pomares e estará capitalizada por Francesc Pumarola, que impartirá ás 10:45 horas unha conferencia titulada Como poden axudarme as redes sociais a comunicar mellor e vender máis.
Ademais, e tamén durante este mes de xaneiro, a Deputación está a organizar vinte obradoiros sobre novas tecnoloxías, impartindo nos seus seis centros cursos sobre comercio electrónico, estratexias de mercadotecnia por correo electrónico, aplicacións da tecnoloxía dron para o sector vitivinícola e forestal, venda en liña sen intermediarios, posicionamento SEO, edición de fotografía, Google Analytics, aplicacións para o sector agrario e gandeiro, Facebook Ads, optimización do correo dixital para mellorar a percepción dos clientes, seguridade da información, xestión de redes sociais con Hootsuite, Google Adwords, creación de páxinas web, almacenamento na nube ou a conta de Gmail.