A Deputación de Pontevedra impulsa tecnoloxicamente os mercados municipais

xoves, 27 de decembro do 2012 Redacción

A Deputación de Pontevedra, a través do servizo de Novas Tecnoloxías e da Oficina Provincial de Comercio REDIC pertencente ao servizo de Turismo, traballa para impulsar, fortalecer e dinamizar o comercio como sector produtivo estratéxico na provincia de Pontevedra. Un dos obxectivos nos que se está a traballar na actualidade é a revitalización dos mercados municipais co fin de que estes volvan ser o punto de referencia para a compra de produtos frescos e de calidade, logrando con iso promover un estilo de vida saudable. Co fin de cumprir con este obxectivo, a Deputación de Pontevedra asinou por cuarto ano consecutivo un convenio de colaboración coa Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia en virtude do cal, ámbalas institucións colaboran para desenvolver actuacións de maneira coordinada. Unha das principais iniciativas, englobada neste convenio de colaboración, consiste na implantación de “tótems interactivos” nos mercados municipais da provincia de Pontevedra.
Con eles, os cidadáns poden acceder á información relativa ás prazas de maneira sinxela, rápida e dinámica grazas ao uso da tecnoloxía multimedia. Deste xeito, os usuarios teñen a posibilidade de interactuar con estes tótems a través dunha pantalla táctil que amosa a información salientando a parte visual da mesma. Ademais, cada tótem incorpora unha impresora para que os consumidores poidan imprimir receitas cos produtos á venda no seu mercado. Esta iniciativa, pioneira en Galicia, iniciouse no ano 2011 cunha primeira fase nos mercados municipais de O Grove, Portonovo, Porriño, Bueu e Caldas de Reis. Tendo en conta os resultados acadados con esta primeira fase do proxecto, ao longo do ano 2012 levouse a cabo unha segunda fase instalándose novos tótems interactivos nos mercados de Vilagarcía de Arousa, Ponteareas e Redondela.
Características técnicas do sistema
Os tótems interactivos están compostos por un computador industrial, unha pantalla táctil e unha impresora térmica, equipamentos montados nunha estrutura de aceiro inoxidable que facilita a súa limpeza e mantemento. Para mellorar a refrixeración dos compoñentes, os aparellos dispoñen de ventilación forzada e grellas de respiración. No referente á seguridade física, contan con dúas fechaduras traseiras con chaves independentes.
Computador
Debido ao uso continuo dos tótems e das variantes condicións de traballo dos mesmos optouse por empregar mini PCs industriais KPC6. A súa característica principal é que carecen de ventiladores e usan unha carcasa metálica ruxerizada a xeito de disipador. Estes computadores de reducido tamaño contan cun procesador Atom N270 e 1 GB de RAM DDR2, o que proporciona un elevado rendemento á vez que se minimiza o consumo de enerxía. As capacidades gráficas precisas para amosar a información interactiva están garantidas grazas ao uso de gráficos Intel GMA 950. Con respecto á conectividade destes equipos, cómpre salientar que contan cun porto Ethernet Xigabit, Wi-Fi, 4 portos USB, 4 tomas RJ-45 e saída VGA. Dispoñen ademais de ancoraxes estándares VESA de 75 x 75 mm, o que facilita a súa instalación.
Monitor táctil
Para amosar a información e permitir a interacción cos usuarios escolleuse un monitor táctil de 26 polgadas do fabricante ELO Touch Solutions. A capacidade táctil deste monitor conséguese grazas ao uso da tecnoloxía IntelliTouch de ondas, baseada nun só panel de cristal, co que se consegue unha resolución constante moi elevada de 4.096x4.096 puntos e unha expectativa de vida de máis de 50 millóns de toques sobre un mesmo punto sen fallos nin desgaste algún.
O panel de cristal, fabricado só en vidro, fai máis doada a limpeza e ao estar deseñado sen capas nin revestimentos, obtense unha excelente claridade e nitidez de imaxe, ademais dunha alta transmisión de luz que non desvirtúa en ningún momento a calidade da imaxe. O devandito panel colócase axustado entre a parte interna do marco frontal do monitor e o panel TFT, obtendo así a máxima calidade de imaxe e ningún efecto de paralelaxe.
O monitor comunícase co mini PC mediante unha conexión VGA a nivel gráfico e por USB para o control das operacións de punteiro.
Impresora
Cada tótem leva integrada unha impresora de tickets Custom VKP80 II. Trátase dunha impresora con tecnoloxía de impresión térmica de 8 puntos/mm, que permite a impresión tanto de texto como de gráficos a unha velocidade de máis de 220mm/segundo. O bordo de saída do papel está iluminado e dispón de mecanismo de corte automático para facilitar ao usuario a recollida do ticket impreso.
Outras funcionalidades a destacar deste modelo de impresora é que conta cun sistema de anti-atascamento de papel e que o soporte de entrada do rolo de papel é axustable e dispón de auto-equilibrado. Ademais, o rolo de papel pódese colocar en diferentes posicións o que fai máis doada a súa instalación.
Co fin de facilitar os labores de mantemento a impresora conta con varios sensores para detectar, entre outros, a falta de papel e mediante un servidor web interno pódense realizar operacións de xestión en remoto.
A conexión da impresora co computador realízase a través dun porto USB.
Software
Para mostrar a información aos usuarios realizouse un desenvolvemento web e creouse unha páxina para que calquera cidadán poida acceder aos contidos de cada mercado a través de Internet na dirección www.mercadosmunicipais.depo.es.
O sistema operativo configurouse para que realice un proceso de logon automático que entra nunha shell que permite unicamente arrincar un navegador Mozilla Firefox, conseguindo así un uso controlado dos usuarios. Instalouse o plugin R-Kiosk que posibilita arrincar o navegador en modo quiosco: pantalla completa, menús e eventos desactivados, etc. O navegador ten como páxina de inicio o portal de mercados municipais. Para amosar unicamente os contidos propios de cada mercado utilízase unha variable que se engade ás cabeceiras HTTP a través do plugin HeaderTool.
A nivel de administración, configurouse o apagado automático de cada tótem dependendo das horas de actividade do mercado no que está situado e instaláronse as ferramentas precisas para realizar a xestión remota dos mesmos co fin de evitar desprazamentos.
Información dispoñible nos tótems
A información que se achega en cada mercado a través destes tótems interactivos está dividida en tres seccións principais: edificio, situación xeográfica e receitas.
· Edificio
Na sección edificio ofrécese información actual sobre o propio mercado, os postos de venda por categorías e os produtos destacados en cada un dos mercados. Amósase un dossier fotográfico cos vendedores e os seus postos. Ademais, achégase un plano do mesmo no que se detallan os postos e diferentes servizos.
· Situación xeográfica
Nesta sección fornécese información sobre a zona xeográfica e turística do concello no que se sitúa o mercado e está divida en tres apartados: historia, localización e festas. Cabe destacar que na sección localización incluíuse un mapa interactivo ao carón dos horarios de autobuses.
· Receitas
A sección de receitas ofrece aos consumidores un receitario estruturado en catro grupos de alimentos. Cada un destes grupos leva asignado unha cor determinada pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia:
· Vermello: carnes.
· Azul: peixes e mariscos.
· Verde: froitas e verduras.
· Amarelo: lácteos, ovos e pan.
Para confeccionar o catálogo de receitas utilizáronse:
· Receitas facilitadas por cociñeiros galegos de recoñecido prestixio integrantes do Grupo Nove.
· Receitas gañadoras do concurso “Rías Baixas, Territorio Gastronómico. Cociña de Mercado” posto en marcha pola Oficina Provincial de Comercio REDIC no ano 2012 entre os propios praceiros.
· Receitas facilitadas pola Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia. Algunhas destas receitas levan vinculado un menú saudable elaborado pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
· Outras receitas facilitadas pola Oficina Provincial de Comercio REDIC da Deputación de Pontevedra.
As receitas preséntanse con produtos que se poden adquirir nos postos do mercado coa idea de que os usuarios merquen os ingredientes na propia praza, tratando de dinamizar e promover os mesmos, dignificar a súa imaxe, fidelizar os clientes e atraer novos perfís de usuarios.
Todas as receitas contan coas súas correspondentes fotografías e ingredientes así como dunha explicación do proceso de preparación das mesmas. Adicionalmente, os usuarios poden imprimir a receita a través das impresoras de tickets da que dispoñen os tótems interactivos.
En palabras de Amancio Varela, xefe do servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, “con esta iniciativa as novas tecnoloxías ponse ao servizo do comercio da provincia co obxectivo de difundir entre a consumidores información dos mercados municipais e dos seus produtos, de forma que estes volvan ser o centro de referencia do comercio das vilas da provincia, así como o motor comercial e o lugar ao redor do cal se articula o comercio local. Á súa vez esta actuación facilitará que se perciba unha imaxe real e actual dos mercados municipais, ao combinar o moderno, a tecnoloxía, coa tradición, os produtos típicos da provincia de Pontevedra”.

PUBLICIDADE