A Deputación de Pontevedra desvela ante 20 mozas e mozos os segredos da mercadotecnia dixital

xoves, 8 de abril do 2021 S. P.

O programa TIC Emprendes da Deputación de Pontevedra, dirixido a fomentar a empregabilidade e o emprendemento innovador no rural da provincia, comezou abril con enerxía renovada. Por exemplo achegando unha nova actividade formativa para subministrar recursos e coñecementos, en tempos de pandemia, sobre tráfico web, mercadotecnia dixital e redes sociais. Comezou este 8 de abril dando servizo a unha vintena de persoas de entre 16 e 30 anos, a maioría mulleres (17).
O curso Marketing Dixital: Estratexias SEO/SEM, Redes Sociais e Análise de Tráfico Web durará ata o vindeiro 12 de maio e terá unha duración total de 125 horas lectivas: 100 de formación específica e 25 de autoemprego ou creación de empresas. Proporcionará coñecementos básicos sobre como crear una estratexia de mercadotecnia na Internet, facendo fincapé na necesidade de contarmos con presenza en liña para dar visibilidade e potenciar as vendas das empresas de nova creación. O curso afondará nas principais ferramentas gratuítas en liña, web e redes sociais, así como no emprego de estratexias SEO e SEM (do inglés Motor de Optimización de Busca e Motor de Busca de Marketing) para favorecer o tráfico e análise dos datos.
A actividade, de carácter gratuíto, forma parte do total de 26 accións enmarcadas nos 11 itinerarios formativos de que consta o programa TIC Emprendes, que na actualidade está formando a 118 persoas, das cales 74 son mulleres e 44 homes. Prevese que cando remate 2021, teña formado a un total de 390 mozas e mozos en materias como aplicacións móbiles (apps), organización e xestión de almacéns, creación e xestión de tendas en liña, desenvolvemento de contidos dixitais: imaxe, vídeo e videoxogos, ademais de mercadotecnia en liña.
A Deputación lembra que nestes intres está aberto o prazo de inscrición para formarse en aplicacións móbiles, creación e xestión de tendas en liña e creación de contidos dixitais: imaxe, vídeo e videoxogos.
TIC Emprendes está co-financiado polo Fondo Social Europeo e conta cun orzamento global de máis de 700.000 euros. Céntrase nos 31 municipios da provincia de Pontevedra que contan cunha poboación inferior ou igual a 5.000 habitantes ou, no seu defecto, entre 5.001 e 10.000 habitantes con saldo negativo na última década. Son Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario Moraña, As Neves, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas, Rodeiro, Oia, O Rosal, Silleda, Valga e Vila de Cruces.

PUBLICIDADE