A Deputación de Pontevedra converte a Rede CPAE 2.0 nun ambicioso proxecto de capacitación TIC: o proxecto SmartPEME

venres, 1 de xullo do 2016 Redacción

Este 30 de xuño a Deputación de Pontevedra presentou o novo paso evolutivo dos centros da rede CPAE 2.0, o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial, iniciativa constituída por seis centros atendidos por técnicos especializados en novas tecnoloxías e con sedes en Lalín, Cambados, Vigo, Pontevedra, Ponteareas e Porriño. Segundo fixo saber a Deputación, Carmela Silva, “o antigo CPAE 2.0 non estaba a obter os resultados agardados, polo que decidimos reformulalo, dotalo dos recursos suficientes e convertelo nun proxecto rigoroso denominado SmartPEME que permitise mellorar a competitividade do tecido empresarial da provincia”. A presentación da iniciativa SmartPEME contou tamén coa presenza do deputado delegado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios. No acto Silva e Dios explicaron todo o relativo ás implicacións desta viraxe da iniciativa CPAE 2.0 perante alcaldesas e alcaldes e concelleiras e concelleiros da provincia de Pontevedra. “SmartPEME”, dixo Silva, “estará ao servizo dos 62 concellos de Pontevedra para que poidan ofertar asesoramento as súas PEME e autónomos”.
A presidenta da Deputación, ao fío desta evolución do CPAE (antes) cara a SmartPEME (agora) subliñou que “xa nos últimos meses previos ao novo lanzamento fomos reorientando o proxecto previo, existente, para que se asemellase ó novo enfoque que lle queríamos dar". Os resultados, segundo Silva, “foron moi positivos” xa que “con esta nova reformulación multiplicamos a nosa influencia no tecido empresarial, sumando 594 consultas de 444 empresas atendidas, das cales 271 son novas usuarias do servizo, e organizando 159 eventos de capacitación TIC coa presenza de 1.094 asistentes”.
O novo proxecto, en palabras de Silva, “consiste nun novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”. Para os ditos obxetivos, explicou, nas oficinas de SmartPEME no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo poranse en marcha itinerarios de obradoiros temáticos, con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas; eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio; colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais; especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia; kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores; identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
Buscarase, tamén, que ao abeiro de SmartPEME a colaboración cos concellos sexa máis estreita. Deste xeito, o proxecto ofertarase como un servizo propio dos municipios para que sexan eles os que presten asesoramento e impulsen ás empresas, persoas autónomas e emprendedoras da súa área de influencia.
No acto, o deputado provincial Javier Dios fixo balance da situación actual do sector das PEME e autónomos, que representa o 93,5% do tecido empresarial da provincia, con 73.500 empresas, e fixo fincapé na importancia de potenciar o desenvolvemento da provincia a través das TIC.

PUBLICIDADE