A Deputación de Pontevedra activará un asistente conversacional intelixente e turístico

venres, 12 de xullo do 2024 S. P.

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar por pouco máis de 200.000 euros a posta en marcha dunha plataforma semántica e asistente conversacional. Esta actuación, tal e como explicou o vicepresidente provincial Rafa Domínguez, enmárcase no proxecto Tourist Inside II, financiado con fondos europeos, co que a Deputación de Pontevedra está a transformar a provincia como Destino Turístico Intelixente.
“Sumámonos así ás vangardas, ás novas tecnoloxías, e introducimos a Intelixencia Artificial na xestión do turismo para seguir avanzando para que todo o mundo poida coñecer e veña a vivir, aquí, as múltiples experiencias 100% Rías Baixas”, asegurou Domínguez.
A través desta iniciativa dotarase á web de Turismo Ría Baixas dun asistente conversacional, os coñecidos como chabots intelixentes, que aproveitará os fluxos de datos e proporcionará ás persoas usuarias información de interese para dar resposta ás súas preguntas.
Segundo explicou Domínguez, “o proceso que se pon en marcha con este contrato incluirá a creación dunha plataforma semántica, é dicir, unha estrutura que almacene, xestione e analice os datos, sincronizándose á vez coa información existente, para poder interpretar a información e dar, así, resposta ás demandas dos viaxeiros, logrando un turismo máis personalizado e diferenciador”.