A Deputación de Pontevedra optimiza os seus recursos tecnolóxicos cun CPD unificado

mércores, 3 de outubro do 2012 Redacción

O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda; o presidente da Deputación, Rafael Louzán; e o xefe de servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, Amancio Varela, visitando o novo CPD da Deputación de Pontevedra

Esta mañá o novo Centro de Proceso de Datos da Deputación da Pontevedra, coñecido como CPD Depo Cloud, albergou unha visita guiada polas súas instalacións que servirán de infraestrutura para o proceso de modernización tecnolóxica da provincia, unificando os servizos que ofrece a Deputación aos seus concellos, o que supón un aforro fronte á organización descentralizada. Entre os visitantes do novo CPD contouse coa presenza do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda; o presidente da Deputación, Rafael Louzán; e o xefe de servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, Amancio Varela.
Este sistema informático sito no soto do Edificio Administrativo do ente provincial unifica todos os centros deste tipo que había nos concellos e nos organismos autónomos, e para a súa posta en funcionamento precisou dun investimento de 400.000 euros, o que parece que amortizarán en pouco tempo, xa que estiman que o seu aforro anual para a Deputación e os Concellos poida chegar aos 200.000 euros.
O CPD Depo Cloud leva en funcionamento dende o mes de xullo, e entre as súas funcións está o permitir que as administracións locais estean dispoñibles para os cidadáns a través das canles electrónicas as 24 horas do día os 365 días do ano.

Algúns dos visitantes que esta maña coñeceron as instalacións do CPD Depo Cloud

PUBLICIDADE