A Deputación de Pontevedra presentoulles ás empresas da provincia as vantaxes dos seus proxectos TIC

mércores, 1 de febreiro do 2012 Redacción

As deputadas provinciais de Ana Isabel Vázquez e Begoña Estévez, xunto co xefe do Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, Amancio Varela, presentáronlles ás firmas do sector tecnolóxico-dixital os proxectos depoTIC e depoGAP, o 16 de xaneiro no salón de plenos da sede da devandita institución. Amais de Amancio Varela, participaron no acto técnicos do Servizo de Novas Tecnoloxías da entidade, Francisco Couñago, Juan Gabriel Fernández e José Ramón Pérez. Cómpre lembrar que estes dous proxectos, que veñen da man do Servizo de Novas Tecnoloxías, diríxense a potenciar o desenvolvemento económico da provincia a través do fomento das TIC.
Estes proxectos, que teñen unha vixencia deica o 31 de decembro de 2013, están cofinanciados con fondos FEDER nun 70%, a través da convocatoria da Secretaría de Estado de Cooperación Territorial do ano 2011, para cofinanciar proxectos de desenvolvemento local e urbano durante o período de intervención 2007- 2013.
En canto á magnitude económica, depoTIC conta cun orzamento de 11.341.372,21 €,
sendo a axuda FEDER de 7.938.960,55 €; no caso de depoGAP o orzamento ascende
a 8.794.257,70 €, sendo a axuda FEDER de 6.155.980,39 €, a achega da Deputación
para estes proxectos ascende a 6.040.688,97 €.
Amancio Varela fixo fincapé no obxectivo estratéxico destes proxectos: cohesionar o territorio da provincia a través do desenvolvemento económico mediante a promoción das TICs, mellorando os servizos achegados en base a unha maior accesibilidade destas últimas, impulsar a implicación cidadá nos asuntos públicos, levar as TIC ás empresas e aos concellos e pór a disposición da sociedade, dixitalmente, o patrimonio documental, gráfico e audiovisual. Para Amancio Varela “a estratexia pasa por modernizar a nosa propia administración para ser máis eficientes e dar mellor servizo á cidadanía, apoiar os concellos neste mesmo reto e asistir a cidadáns e empresas na súa adaptación á Sociedade da Información”.
A denominación do proxecto depoTIC, dixo, pon de relevo a idea de modernización que o proxecto achegará dende varias perspectivas:
Para a Administración, mediante o asesoramento e apoio aos concellos nas TIC e a e-Administración.
Para os cidadáns, axudándolles a utilizaren os servizos de eAdministración, potenciando os servizos sociais e poñendo á súa disposición de maneira online o patrimonio documental e bibliográfico das entidades locais.
Para as empresas da provincia, potenciando as canles de comercialización online e a estimulación do espírito emprendedor.
Para obtermos estes beneficios, dixo Varela, o proxecto co seguinte:
– Centro Provincial de Asesoramento Municipal, CPAM 2.0
– Modelo de comercio electrónico para PEME
– Oficinas de tramitación, dinamización e accesibilidade electrónica
– Centro de coñecemento avanzado para a explotación do patrimonio documental e
bibliográfico
– Centro Provincial de Asesoramento Empresarial, CPAE 2.0
– Potenciación dos servizos sociais
Por outra parte, sinalou Varela, o proxecto depoGAP ten como obxectivo xestionar os activos públicos da provincia, controlando a eficiencia, modernización e contención do seu gasto, e proporcionándolles información aos concellos para apoiar a toma de decisións. Os activos públicos constitúen unha das principais partidas de gasto das administracións públicas “polo que a súa xestión se antolla fundamental”, sinalou.
Este proxecto, engadiu Varela, incidirá na redución do impacto sobre o medio ambiente das actividades de mantemento dos activos públicos e no reforzamento da participación cidadá na xestión dos asuntos públicos, incrementando a súa implicación na mellora dos servizos locais.
Para cumprir con estes obxectivos o proxecto depoGAP contará coas seguintes actuacións:
-Inventario de activos provinciais
-Dotación tecnolóxica dunha ferramenta de xestión de activos provinciais
-Proba piloto: eficiencia enerxética
Ámbolos proxectos dispoñen dun plan de promoción e difusión das actividades realizadas, vindeiras actuacións, novas producidas ou eventos.

PUBLICIDADE