A Deputación de Ourense lanza o proxecto Compra Pública de Innovación

luns, 17 de decembro do 2018 Redacción

A Deputación de Ourense vén de pór en marcha un novo proxecto para establecer as mellores pontes posíbeis entre as administracións da provincia, por unha banda, e as empresas responsábeis dos máis avanzados sistemas de xestión, comunicación, intelixencia ou análise de datos, pola outra. Estamos a falar do proxecto Compra Pública de Innovación (CPI), unha iniciativa impulsada pola Área de Transparencia dirixida por Fernando Surárez para, nas súas palabras, “atraer servizos de vangarda á xestión pública e promover a innovación dende a demanda, por medio da adquisición de produtos e servizos que non existen non mercado”. En termos xenéricos, a finalidade é seguir dando pasos na mellora da xestión provincial.
A medida foi dada a coñecer os días pasados polo presidente do Goberno provincial, Manuel Baltar, e máis por Fernando Suárez, que debullaron as súas liñas de actuación e fases de desenvolvemento, salientando que a iniciativa complementa á perfección ao proxecto Provincia Intelixente e máis o vindeiro lanzamento de Smart Destinations, Hai un Ourense para ti, novas apostas tecnolóxicas da Deputación. Todo isto, explicaron, “situará Ourense novamente na vangarda das administración públicas provinciais en España, xa que a posta en marcha do CPI consolida o carácter innovador da entidade provincial galega, reforzando os servizos que demanda a veciñanza, anticipándose ao mercado”. Segundo sinalou o presidente, “a Compra Pública de Innovación permitirá que os empregados públicos da administración acaden tamén os coñecementos necesarios para realizar procedementos de CPI, en liña coa nova lei de contratación do sector público”.
O desenvolvemento do proxecto artellarase en varios treitos, comezando pola capacitación dos empregados públicos da Deputación de Ourense, para, de seguido, identificar e formular o reto innovador que se pretende lanzar; realizar as consultas ao mercado e finalmente levar a cabo a contratación. Baltar e Suárez sinalaron que o proceso, de facto, xa está en marcha: xa se elaborou un un primeiro labor de identificación de necesidades e áreas nas que alcaldes e técnicos dos concellos consideran que a innovación pode xogar un papel fundamental para prestar servizos públicos de calidade. Unha das áreas seleccionadas ata o momento, a de construción e rehabilitación de espazos destinados a fins sociais ou atención social, está a ser liderada polo director da Área de Transparencia da Deputación, Fernando Suárez.
Polo que se refire aos aspectos claves da iniciativa, son os que citamos a continuación: obradoiros traballo Learning by doing (aprender facendo); uso estratéxico da CPI na Deputación; situar a Ourense como provincia pioneira no deseño e posta en marcha dun programa integral de CPI, e promover o desenvolvemento de produtos e servizos innovadores por parte de empresas e centros de investigación da provincia, amais de apoiar a súa internacionalización.

PUBLICIDADE