A Deputación de Ourense implícase de cheo no Congreso de Cidades Intelixentes

venres, 3 de maio do 2019 Redacción

O director de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, participou a semana pasada na xuntanza do comité técnico da quinta edición do Congreso Ciudades Inteligentes, que se celebrou na Secretaría de Estado de Avance Digital (SEAD), en Madrid. O obxectivo foi avaliar as comunicacións e proxectos presentados a este acontecemento, un total de 144 contribucións, e seleccionar as comunicacións e proxectos de cidades que serán incluídas no Libro de Comunicacións e elixidas para unha presentación oral no marco do congreso.
O Congreso de Cidades Intelixentes, organizado polo Grupo Tecma Red e a Secretaría de Estado para el Avance Digital coa colaboración institucional de Red.es, celebrarase o vindeiro 26 de xuño en Madrid. Este evento ten o obxectivo de “potenciar o intercambio de coñecemento e experiencias sobre as cidades e territorios intelixentes, co emprego da tecnoloxía e a innovación como ferramentas base do seu desenvolvemento”.
Abordaranse temáticas vencelladas coa cidade e o territorio intelixente, amosando as iniciativas de vangarda que se están a desenvolver para coñecer o espectro urbano, social, técnico, legal e de oportunidades dos territorios intelixentes, cun formato práctico baseado na presentación de proxectos que se enmarcan no Plan Nacional de Territorios Intelixentes, no que se integra a iniciativa de turismo intelixente da Deputación Hai un Ourense para ti.

PUBLICIDADE