A Deputación de Ourense estrea web con información do servizo de recollida de lixo

mércores, 20 de xullo do 2016 Redacción

Este 19 de xullo a Deputación de Ourense presentaba unha páxina web onde se recompila toda a información relativa ao servizo de recollida de lixo nos concellos da provincia de Ourense adheridos aos convenios entre administracións (limpourense.depourense.es), a estrea tiña lugar no Pazo Provincial e a súa finalidade é a de “proporcionar información clara e estruturada dos diferentes datos nesta materia que o goberno provincial xestiona, tales como infraestruturas, medios, proxectos realizados, datos de recollida, entre outros aspectos”, segundo o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, presente no evento da inauguración da web acompañado polo xefe de sección de Residuos e Enerxía da Deputación, Miguel Reza.
Dende un aspecto máis técnico, con esta plataforma dixital, afirmaba Pablo Pérez, “os usuarios poderán visualizar a páxina en galego, castelán e inglés”. Segundo fixo saber, a feitura da web atende estritamente aos criterios recollidos no Manual básico de imaxe corporativa da Deputación de Ourense. Asemade, engadiu, o portal “ten capacidade para representar, tratar e acubillar toda a información achegada en datos e en puntos xeográficos e, será compatíbel cos navegadores actuais sendo posíbel consultar a páxina dende tódolos dispositivos móbiles”. Pola súa banda, Miguel Reza salientou que “a estrutura e arquitectura desta web resulta de doado manexo para que todos os usuarios poidan acceder á toda información relacionada con este servizo”.
A día de hoxe, a Deputación de Ourense xestiona en réxime de competencia delegada, o servizo intermunicipal de recollida de lixo en diferentes puntos da xeografía ourensá. A maiores encárgase da xestión dos servizos complementarios intermunicipais delegados de recollida selectiva e dos puntos limpos, así como de servizo supramunicipal de transferencia de residuos sólidos urbanos e servizo provincial de lavado de contedores.

PUBLICIDADE