A Deputación de Ourense estrea aplicación móbil

luns, 23 de decembro do 2013 Redacción

A Deputación de Ourense presentou hoxe unha nova aplicación para dispositivos móbil, Provincia Inteligente, que está xa dispoñible de balde na App Store e en Google Play, permitindo a relación directa entre os cidadáns e a administración provincial, facilitando a alta de incidencias detectadas na provincia (para que as xestione a Deputación) e incluso unha canle de comunicación directa co presidente da entidade, Manuel Baltar, quen foi o encargado de presentar publicamente esta ferramenta dixital.
Baltar asegura que pretenden que esta aplicación móbil "sexa o buzón de suxestións provincial, afondando cada día máis na transparencia, e que a relación da deputación co cidadán sexa bidireccional e interactiva ao máximo, acadando un necesario, áxil e eficaz diálogo entre administración e administrado”. Ao que engadiu que “o protagonismo ten que ser do cidadán; os políticos estamos para xestionar, pero debémonos ás persoas, e por elas temos que pór a súa disposición elementos que favorezan e melloren o achegamento á cidadanía".
A aplicación, que está dispoñible en galego, español e inglés, permitirá axilizar os procedementos administrativos e interactuar cos usuarios, contando dende a propia aplicación con accesos a Facebook, Twitter e YouTube, así como ás retransmisións en directo da retransmisión dos plenos da corporación provincial. Entre os contidos desta ferramenta están as novas da Deputación e un apartado de Termalismo saudable, agardándose que en breve poida servir para xestionar tributos locais, reservar e mercar entradas para eventos, xestionar publicacións do ente provincial, inscribirse en cursos de formación e rexistrar adhesións de cidadáns para a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, así como ter acceso á programación cultural e deportiva da Deputación.

PUBLICIDADE