A Deputación de Lugo impulsará a transformación tecnolóxica do turismo provincial

xoves, 5 de decembro do 2019 Redacción


O pleno da Corporación da Deputación de Lugo aprobou este xoves os seus Orzamentos para 2020, que teñen unha contía de 92 millos de euros e que son, en palabras do Goberno que preside José Tomé, “un exemplo de boa política demográfica, con servizos para a cidadanía e con medidas para favorecer o emprego sustentábel”. Asemade, son uns presupostos con importantes partidas para os ámbitos tecnolóxicos da provincia. Por exemplo os 1,5 millóns de euros que se destinan ao Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais (a antiga Fundación TIC), o único que ofrece a titulación devandita no ámbito lucense. Tamén haberá contías relevantes para impulsar a cooperación cos Concellos (poñendo o foco na eAdministración) e a modernización de sectores básicos para economía da provincia: o agrogandeiro e o turístico.

Sesión do pleno da Deputación na que foron aprobados os Orzamentos para 2020

Polo que se refire á cooperación cos Concellos, as accións desenvolveranse principalmente a través do Plan Único, un dos instrumentos básicos de traballo conxunto cos 67 municipios da provincia, que contará cunha dotación de algo máis de 20M€, entre os recursos previstos nos propios orzamentos (de 11,2M€) e a previsión de incorporación de remanentes. Porase o foco en mellorar os servizos e infraestruturas públicas; o Servizo de Axuda no Fogar; a creación de emprego; as actividades turísticas, culturais e deportivas; a Administración Electrónica e outros servizos como Protección Civil.
Respecto dos sectores produtivos, os presupostos impulsarán sobre todo o sector primario e o turístico. Neste último eido, contémplanse 2,4M€ para incorporar as tecnoloxías ao sector e atraer a máis visitantes; manter as rutas fluviais en catamarán e a promoción da provincia en encontros de proxección nacional e internacional; dar un novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade; aproveitar o potencial que representa o turismo vinculado ao Camiño de Santiago sobre todo de cara ao Xacobeo 2021, e integrar á provincia na Rede Europea de Itinerarios Culturais para fomentar o turismo.

PUBLICIDADE