A Deputación de Lugo forma a concelleiros e traballadores municipais en novas tecnoloxías ao servizo do turismo

luns, 5 de abril do 2021 S. P.

Este 5 de abril arrincaron as actividades formativas da Deputación de Lugo para equipar aos concellos de recursos que contribúan á transformación do turismo e a hostalería: ferramentas e coñecementos que axuden ao sector, dende as administracións locais, a acadar a plena recuperación. Cincuenta traballadores e concelleiros de 34 entidades locais da provincia participan ata o día 15 de xuño nesta iniciativa online de 100 horas de duración, centrada nas novas tecnoloxías e na promoción e comercialización de servizos turísticos locais.
A iniciativa forma parte do apoio da institución provincial a uns dos sectores económicos máis prexudicados pola pandemia como son o turístico e a hostaleiro
Con esta acción formativa, a institución provincial dota de ferramentas aos concellos para que adquiran a capacidade suficiente como para desenvolver e xestionar produtos turísticos e favorecer así a recuperación deste sector e o hostaleiro.
Para o devandito abordaranse, en catro bloques, estratexias de mercadotecnia turística, proxectos de comercialización de produtos e servizos turísticos locais, sistemas de relación cliente-empresa no sector da hostalería e o turismo e a utilización das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na promoción do destino e para a creación e promoción de produtos turísticos no entorno local. Unha vez rematada a formación, os alumnos que a superen recibirán un diploma acreditativo.
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou a importancia desta formación para “a reactivación do turismo e o impulso á economía. Tendo en conta as competencias e recursos limitados que temos neste eido na institución provincial, queremos estar ao carón dun sector que é dos que máis sufriron e están sufrindo a crise sanitaria”.
Esta medida enmárcase no Plan de Impulso da Economía da Provincia, promovido pola institución provincial para apoiar aos sectores produtivos máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo a hostalería, o turismo e o comercio local.

PUBLICIDADE