A Deputación de Lugo facilita co servizo de Licitación Electrónica a actividade das empresas

venres, 9 de novembro do 2018 Redacción

A Deputación de Lugo segue a apostar pola modernización e transformación dixital dos procedementos administrativos, levando a cabo importantes iniciativas que neste caso van relacionadas cos expedientes de contratación pública. Nesta liña sitúase o sistema de Licitación Electrónica da entidade provincial que preside Darío Campos, que permite a presentación de propostas e ofertas por medios enteiramente electrónicos, ampliando desta maneira a transparencia e fomentando a participación de todo tipo de empresas aos procesos de contratación. Amais, con este servizo derrúbanse as barreiras que actualmente poidan supor a distancia ou a dispoñibilidade horaria.
Segundo explica a entidade provincial, coa posta en marcha da Licitación Electrónica, calquera empresa que cumpra coas condicións requiridas e que queira presentarse a un proceso de licitación, poderá achegar a súa oferta á Deputación de Lugo a través de medios electrónicos, sen necesidade de presentarse fisicamente á sede da administración lucense e as 24 horas do día mentres se atope en prazo de presentación.
A plataforma de Licitación Electrónica ofrece outras garantías, como por exemplo as que citamos deseguido:
· Meirande transparencia no proceso de contratación pública. Toda a información relativa a un proceso de contratación está publicada na plataforma e é accesíbel para a súa consulta pública.
· Maior seguridade. A plataforma de licitación encárgase de custodiar as propostas e de velar pola súa integridade. Desta maneira, non se poderá acceder ás ofertas presentadas até que non se constitúa a mesa de valoración de ofertas. O sistema, ademais, garantirá que non se modifica o contido da proposta presentada a través da sinatura electrónica por parte do licitador.
· Máis dispoñibilidade e acceso, mellorando a concorrencia. O sistema está aberto a todas as empresas que queiran concorrer a Deputación, só precisan dispor dun certificado dixital en vigor e de acceso a Internet para rexistrarse na plataforma e presentar as súas propostas dentro do prazo que marque cada proceso de licitación. O sistema estará dispoñíbel as 24 horas do día ata o momento que se cerre a presentación de propostas.
Un regulamento a prol do dixital
A Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público establece a obriga de que a presentación das propostas por parte dos licitadores nos procedementos de contratación pública se fagan por medios electrónicos, así como o resto de comunicacións entre a Administración e o licitador. Segundo fai saber a Deputación de Lugo, esta Lei reafirma e reforza o que xa se indica na Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común, regulamento que impulsaba e establecía os mecanismos para a comunicación e tramitación de expedientes por medios electrónicos. “Polo tanto coa implantación do sistema de Licitación Electrónica, non só estamos a modernizar e mellorar o sistema de contratación da Deputación, senón que estamos a cumprir coa norma legal vixente en materia de contratación”, engaden fontes da entidade provincial.
Previamente á entrada en vigor desta obrigación a Deputación de Lugo xa realizou importantes medidas encamiñadas á posta en marcha de este sistema de Licitación Electrónica, entre as que cómpre salientar as seguintes:
· No ano 2017 renováronse, actualizáronse e modernizáronse os sistemas de Administración Electrónica axeitándoos ao novo marco legal, desta maneira e só no que vai de ano 2018, a través da sede electrónica da Deputación de Lugo presentáronse máis de 1.525 solicitudes e asináronse dixitalmente máis de 6.500 documentos.
· No que respecta á transparencia dos expedientes de contratación, en setembro do ano 2016 a Deputación de Lugo vén a utilizar como perfil de contratante á Plataforma de Contratos do Sector Público (https://contrataciondelestado.es). Esta plataforma é ofrecida pola Administración Xeral do Estado e compártese co resto de Administracións Públicas, tanto estatais como a nivel local, onde cada entidade ten un espazo propio que é autoxestionado pola propia entidade. Ao tratarse dunha aplicación estatal que engloba información de expedientes de contratación de moitas e diversas entidades, tamén dá unha maior proxección a nivel local, estatal e incluso internacional dos procedementos de contratación que se publican na mesma. Actualmente a Deputación de Lugo segue a utilizar esta plataforma para poñer toda a información relativa aos procesos de contratación, incluíndo a información histórica de procesos xa rematados que fica a disposición do público para a súa consulta.
A Plataforma de Contratos do Sector Público anteriormente indicada, publicou e puxo a disposición das entidades locais durante o ano 2018 os servizos de licitación electrónica que posibilitan a recepción e custodia das ofertas en formato dixital, previa solicitude por parte das entidades interesadas. A Deputación de Lugo realizou todos os tramites precisos para a utilización de estes servizos e o 28 de agosto deste mesmo ano 2018, publicou e tramitou na plataforma o primeiro expediente de contratación no que se limitaba a presentación de propostas exclusivamente a través de medios electrónicos a través dos servizos que ofrece a Plataforma de Contratos do Sector Público: EXP0028SE18-SIM. Contratación da hosting e mantemento do servizo de correo electrónico, os dominios corporativos e webs externas.
Este primeiro expediente de contratación serviu para poñer a proba a plataforma de Licitación Electrónica e asentou os alicerces para os seguintes. O expediente de licitación resolveuse en dous meses dende a súa publicación na plataforma cun importe de adxudicación de 15.980,00 euros fronte a orzamento estimado de 18.000 e concorreron dous licitadores.
En vista do éxito desta primeira Licitación Electrónica, a Deputación de Lugo elevou unha instrución na pasada xunta de Goberno do 26 de outubro de 2018 pola que se aprobou a extensión do devandito sistema para todos os expedientes de contratación. Desta maneira, dende a entidade provincial desenvolveranse xornadas de difusión e información dirixidas ás empresas nas que se explique a como utilizar os novos medios electrónicos para a presentación de ofertas, e ademais, incluiranse en todos os novos expedientes de contratación unha nova cláusula nos pregos onde se obrigue ao uso dos servizos de licitación electrónica da Plataforma de Contratos do Sector Publico para a presentación das súas propostas.

PUBLICIDADE