A Deputación de Lugo entrega os diplomas do seu programa de formación transformadora

martes, 8 de xuño do 2021 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a deputada de Réxime Interior, Pilar García Porto, e a deputada de Formación, Ana González Abelleira, entregaron este martes os diplomas de acreditación de estudos aos traballadores e traballadoras provinciais que completaron o plan de formación impartido pola institución para o procedemento de promoción interna horizontal. Nestas actividades, moi centradas nas novas tecnoloxías da información (os recursos que favorecen a consecución plena da Administración Electrónica) participaron máis de 320 persoas.
Os representantes da Deputación destacaron o carácter pioneiro deste programa, tanto no seo da entidade provincial como tamén entre as administracións públicas galegas polas súas características, “xa que estivo dirixida a favorecer a promoción horizontal dos traballadores, e polas súas dimensións e alcance, pois tivo acceso a metade do cadro de persoal da institución”.
A entrega dos diplomas celebrouse este 8 de xuño en tres grupos e completarase o vindeiro xoves, dado o elevado número de participantes e como medida de prevención da COVID-19.
A formación dividiuse en tres niveis, en función dos grupos de clasificación profesional do funcionariado. Dende febreiro a maio, o cadro de persoal seleccionado para esta acción formouse en catro módulos sobre o funcionamento da propia Deputación, recursos humanos, procedemento administrativo e novas tecnoloxías.
A formación impartiuse de xeito telemático para favorecer a participación e extremar a prevención ante a pandemia. O temario desenvolveuse en 8 edicións simultáneas, que en total sumaron 320 horas.
O presidente destacou “o compromiso claro da institución coa formación continua e de calidade dos traballadores e traballadoras co fin de dotalos de ferramentas para progresar na carreira profesional, e co fin de seguir mellorando o funcionamento da institución, para que sexa máis eficiente, áxil, próxima e útil á cidadanía”.

PUBLICIDADE