A Deputación de Lugo e a UNED apostan de cheo pola nova comunicación coa revista Lugo Cultura Dixital

xoves, 14 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo deu hoxe un novo e importante paso en materia de comunicación e transmisión do coñecemento a través das novas canles tecnolóxicas. Estamos a falar do lanzamento da Revista LCD Lugo Cultura Dixital, unha nova publicación encamiñada a promover e mostrar o relevante labor das asociacións provinciais. E faise a través dunha páxina web (www.lugoculturadixital.es/), nas redes sociais e, por suposto, coa devandita revista multimedia, segundo se fixo saber na presentación “totalmente interactiva”. Na estrea participaron o voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, e a directora da UNED en Lugo, Ana Traseira Pena.
Santos Ramos explicou que Cultura Dixital é un proxecto no que as 80 asociacións culturais que participan dispoñen de ferramentas de comunicación tecnolóxicas para que os seus eventos teñan “meirande difusión e visibilidade”. Estas ferramentas son: unha plataforma web con redes sociais onde difundir as súas actividades, un servizo de emisión por streaming e gravación a través da plataforma da UNED e máis unha liña de asesoramento e cursos de formación con profesionais en novas tecnoloxías e comunicación.
O deputado tamén lembrou que o terceiro número da Revista LCD Lugo Cultura Dixital abrangue distintos aspectos da cultura da provincia (asociacións, territorio, cine ou música). Isto polo que se refire á temática, porque no formato adopta unha innovadora feitura dixital, multimedia e de interactividade integral coas lectoras e lectores, que poden acceder aos contidos mediante clics para ver vídeos e galerías fotográficas, escoitar música ou acceder a través de ligazóns a outros contidos culturais.
Santos tamén fixo saber que a través desta colaboración coa UNED “dáse máis visibilidade ás programacións e actividades organizadas por todas as asociacións e colectivos culturais existentes da provincia de Lugo sumadas a este proxecto”. A idea é que Deputación, UNED e asociacións culturais xunten forzas para “crear un capital cultural e territorial dixitalizado, dispoñíbel para os cidadáns a través dos medios de comunicación 2.0”, sinalou, engadindo que o proxecto “é unha oportunidade única pois ampliase o público potencial ao ámbito universitario, o que permite chegar a máis xente”.
Na presentación Álvaro Santos e Ana Traseira tamén explicaron que a iniciativa Lugo Cultura Dixital tamén ofrece soporte formativo con cursos impartidos por profesionais coa finalidade de que as asociacións culturais da provincia melloren as súas destrezas no eido das redes sociais, a mercadotecnia dixital, a imaxe de marca ou o manexo de cámaras. No curso deste ano, impartido por profesionais do CEMAV da UNED (os mesmos que realizan os vídeos da programación da UNED que se emite na canle de La2 de RTVE), foron 50 as persoas que recibiron formación destes especialistas en comunicación.
76 entidades asociadas
Cultura Dixital é unha iniciativa que conta cun total de 76 entidades culturais asociadas que, a través da páxina www.lugoculturadixital.es; así como das redes sociais Twitter @LugoCultura_Dix e Facebook @lugoculturadixital, se promove a súa actividades, a través de publicacións de difusión da súa actividade cultural, a recompilación dos seus datos principais e a promoción de informacións de índole cultural que teñan un interese xeral para a poboación. Pódese consultar a lista de entidades asociados no seguinte enlace: http://www.lugoculturadixital.es/directorio/page/2/?lang=es.

PUBLICIDADE