A Deputación de Lugo e a Fundación TIC promoverán a mostra de aceite de Quiroga nas redes sociais

martes, 23 de maio do 2017 Redacción

A Deputación de Lugo anunciou hoxe que vai colaborar arreo coa dezaseis edición da Mostra de Aceite de Quiroga. E vaino facer, en parte, poñendo en xogo os recursos humanos e tecnolóxicos da Fundación TIC, que fornecerá cobertura comunicativa e audiovisual do acontecemento e, tamén, promoverao a través das redes sociais con meirandes comunidades de usuarios. A maiores, a entidade provincial que preside Darío Campos fornecerá de 6.000 euros aos organizadores da mostra. Todo isto foi dado a coñecer hoxe mesmo, nunha xuntanza cos medios na propia vila de Quiroga na que participaron o deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega, o alcalde Julio Álvarez Núñez, e máis o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro. A cita gastronómica, lembraron, celebrarase o vindeiro 28 de maio.
Rodríguez Ónega salientou que “dende o Goberno provincial apostamos pola colaboración con este tipo de iniciativas, pois contribúen ao impulso dos produtos autóctonos únicos de cada concello da nosa provincia, axudando aos profesionais que se adican á súa produción, dinamizando a económica local e potenciando o turismo gastronómico”.
Segundo se fixo saber na presentación da mostra, o aceite de Quiroga é un dos óleos máis tradicionais da provincia de Lugo, un produto gastronómico de gran calidade que se elabora artesanalmente dende hai séculos e que, por estes e outros motivos (por exemplo unha importante demanda), adoita acadar altos prezos no mercado. Os cálculos apuntan que a produción total pode ser de ao redor de 40.000 litros de aceite, dos que 5.000 son elaborados para a súa venda comercial.

PUBLICIDADE