A Deputación de Lugo contribúe ao lecer nos fogares con iniciativas nas redes sociais

luns, 23 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Co fin de paliar as consecuencias negativas do confinamento forzoso noso nosos fogares por mor doa pandemia de COVID-19, a Deputación de Lugo vén de lanzar unha serie de iniciativas nas redes sociais para fomentar o entretemento e a divulgación nos fogares. Por exemplo un feixe de vídeos elaborados polo Servizo de Audiovisuais da entidade provincial. Tamén se busca, a través desta iniciativa, fomentar a participación e interacción da cidadanía con datos de interese sobre o patrimonio lucense: trátase de mostrar diferentes recantos lucenses achegando información curiosa mediante adiviñas e preguntas abertas.
Os vídeos
O Servizo de Audiovisuais da Deputación comparte nas súas redes sociais unha serie de pezas do seu programa denominado Descubrindo Lugo, que ten o obxectivo de dar a coñecer, a través de vídeos breves, o patrimonio paisaxístico e cultural da provincia. Neste momento en concreto, “coa crise do coronavirus, o que queremos é abrir unha xanela virtual a todos os que nos seguen nas redes, a modo de paseos e visitas sen saír da casa e, ademais, é un bo xeito de ir tomando nota para cando todo isto pase e poidamos ir en persoa a coñecelos”, subliña a deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.
Ademais, o Servizo de Audiovisuais conta cunha canle en Youtube (https://www.youtube.com/user/FUNDACIONTIC) na que se poden atopar noticias da actividade da Deputación, reportaxes sobre eventos, citas gastronómicas, historias interesantes e actos que se desenvolven ao longo do ano na provincia.
Preguntas e adiviñas
A deputada explica que dende as redes sociais da área que dirixe tamén se fan varias propostas ao día en coordinación, en numerosas ocasións, co Servizos de Audiovisuais. “Facemos preguntas sobre o territorio, propoñemos adiviñas e enlazamos contido aos nosos propios recursos que temos na aplicación móbil Inventrip e na nosa propia web”.
Ademais, nas redes sociais da institución provincial foméntase o confinamento nos fogares baixo o cancelo #QuedaNaCasa. Ten como obxectivo “concienciar á poboación da necesidade de facer caso ás recomendacións das autoridades e advertila de que só debe saír á rúa cando sexa imprescindible para evitar a propagación do coronavirus COVID-19”.

PUBLICIDADE