A Deputación de Lugo acolle unha xornada sobre as aplicacións da IA no coidado dos maiores

venres, 13 de marzo do 2026 S. P.

Pablo Rivera Capón, deputado de Promoción Económica e Social, inaugurou este venres 13 de marzo no Salón de Actos do Pazo de San Marcos (Deputación de Lugo) unha xornada sobre as aplicacións da intelixencia artificial no coidado dos maiores. Baixo o título de O marco da atención ás persoas maiores: análise de experiencias disruptivas e do emprego de sistemas IA, este encontro técnico organizado entre a institución provincial e a Fundación Democracia e Goberno local lucense congregou a máis de 50 profesionais relacionados coa xeriatría e a xerontoloxía.
“Levamos anos apostando por un modelo de servizos sociais baseado na proximidade, na calidade e na equidade. Xestionamos directamente os nosos Centros de Atención a Maiores, investimos en profesionais e coidados; e agora temos a responsabilidade de preguntarnos como a tecnoloxía pode reforzar ese modelo”, destacou Rivera Capón.
Subliñou que na Deputación “traballamos con persoas, maiores que necesitan coidados e familias en situación de vulnerabilidade” nunha provincia “extensa, envellecida e con moitos municipios pequenos e dispersos”. E engadiu: “Nese contexto, a intelixencia artificial ofrécenos posibilidades que hai poucos anos non poderíamos imaxinar, sistemas que axudan a detectar situacións de dependencia antes de que se agraven, ferramentas que melloran a xestión das listas de agarda, algoritmos que optimizan a asignación de recursos en territorios con grandes desequilibrios”.
A intelixencia artificial tamén carrexa, segundo o deputado, preguntas “que non teñen resposta doada, como quen decide o algoritmo ou que pasa coas persoas que quedan fóra dos patróns, ou, tamén, como protexemos a privacidade das persoas vulnerables”.
Pola súa banda, o xerente da Fundación Democracia e Goberno Local, José Luis Moreno, destacou que a intelixencia artificial é unha realidade presente no noso día a día, e que na prestación de servizos ás persoas maiores está a conseguir mellorar a súa calidade de vida, seguridade e autonomía, abordando ao mesmo tempo a soidade non desexada e o esgotamento nos coidadores.
Traballadoras sociais, técnicos dos concellos da provincia, persoal dos centros de día, educadores sociais e responsables de diferentes entidades e colectivos sociais formáronse durante a mañá deste venres coas seis conferencias e coloquios dirixidos por expertos sobre diferentes sistemas de xestión da atención, IA e dereitos no novo contexto.
A xornada comezou centrada na atención ás persoas maiores, falando da tipoloxía de competencias e a taxonomía de servizos, a súa análise económica e orzamentaria e o modelo de atención da Deputación de Ourense. Conferencias a cargo de Lidia García Martín, doutora de Dereito Administrativo da Universidade de León; Mónica Legaspi Díaz e José Juan Cerdeira Lois, interventora e responsable da área de Benestar da Deputación de Ourense respectivamente.
Na segunda parte da mañá, Silvia García López, xefa do Servizo de Benestar e Igualdade da Deputación de Lugo expuxo o sistema “alternativo e innovador” de atención aos maiores da institución lucense; José Luis Domínguez Álvarez, doutor en Dereito Administrativo da Universidade de Salamanca, disertou sobre o emprego de sistemas de intelixencia artificial na atención aos maiores, as súas oportunidades e desafíos; e finalmente Anxo Varela Hernández, profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, relatou as garantías dos dereitos fundamentais das persoas maiores na recepción de servizos asistenciais baseados en sistemas de intelixencia artificial.