A Deputación de Lugo achegará apoio gratuíto ás pemes en transformación dixital e durante 2 anos

mércores, 30 de novembro do 2022 S. P.

A Deputación de Lugo lanza Acelera PEMES, un proxecto co que prestará “apoio gratuíto” durante dous anos ás empresas da provincia en materia de transformación dixital. O presidente José Tomé presidiu o encontro de traballo que marcou o inicio do programa, no que participaron os alcaldes da Fonsagrada e Vilalba, concellos que albergarán unha oficina móbil de asesoramento, e con representantes das deputacións de Córdoba, Cáceres, Valencia e Soria, que tamén desenvolven esta iniciativa. “O obxectivo é axudar ás pequenas e medianas empresas a aproveitar os recursos da dixitalización para mellorar o seu negocio, de maneira que gañen en competitividade, produtividade, eficiencia, e para que abran novas oportunidades de negocio, algo especialmente importante cando o impacto da pandemia vén seguido das consecuencias da guerra en Ucraína”, sinalou Tomé Roca, engadindo que o proxecto conta cun orzamento de medio millón de euros, dos cales o 80% proceden da Unión Europea a través da entidade pública empresarial Red.es (dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital), e o 20% restante apórtaos a propia institución provincial.
Na reunión participaron o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e os alcaldes da Fonsagrada, Carlos López, e Vilalba, Elba Veleiro -dous dos concellos que acollerán unha oficina móbil de asesoramento-, ademais da xefa de servizo da área provincial de Emprego, Julia Vázquez, e representantes das deputacións de Córdoba, Cáceres, Valencia e Soria, que, como dixemos, tamén desenvolven esta iniciativa, co-financiada con fondos europeos.
Rede de aceleradoras por toda a provincia
Gracias a esta iniciativa, a Deputación manterá ata o ano 2024 unha rede de oficinas, que contará con 7 traballadores e traballadoras. Coa finalidade de que teñan a máxima utilidade de que beneficien ao maior número de empresas posíbel, e “tendo en conta as características de alta dispersión da nosa provincia”, haberá unha oficina con sede física na Deputación; outra virtual; e cinco móbiles nos concellos da Fonsagrada, Viveiro, Vilalba, Monforte de Lemos e na comarca de Sarria, explicou o presidente, engadindo que de xeito complementario haberá 21 aceleradoras adxacentes nas que só existirá un espazo físico para levar a cabo reunións ou encontros.
A Deputación quere prestar con este proxecto “un asesoramento gratuíto, próximo ás empresas e personalizado, é dicir, adaptado ás características e necesidades de cada negocio”, asegurou Tomé, quen concretou que poderán participar todas as pequenas e medianas empresas que estean interesadas, “co único requisito de ter sede física nalgúns dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, é dicir, todos menos o da capital, que dispón doutras iniciativas e recursos para ofrecer este tipo de servizos”.
Co proxecto Acelera PEMES, a Deputación reforza “o importante labor que estamos facendo para apoiar a economía e os sectores produtivos, unha das liñas de actuación estratéxicas da nosa acción de Goberno, como así reflicten os Orzamentos para o vindeiro ano 2023 que precisamente aprobamos onte no pleno”.

PUBLICIDADE