A Deputación de Lugo achega de balde 36 novos obradoiros TIC para persoas maiores

xoves, 20 de abril do 2017 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo xa ten preparadas novas actividades de formación TIC directamente encamiñadas a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e a favorecer a integración dixital de cidadáns en risco de exclusión tecnolóxica. Estas actividades desenvolveranse novamente ao abeiro do programa InLugo, impulsado pola Deputación a través da Fundación TIC. Segundo fixo saber hoxe o presidente da entidade provincial, Darío Campos, están programados para o segundo trimestre de ano un total de 36 cursos e obradoiros gratuítos de novas tecnoloxías para lucenses de máis de 55 anos. Na súa totalidade achéganse 471 prazas, das que 371 requirirán inscrición previa. Campos presentou os obradoiros ao carón da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
O presidente engadiu que “con estas actividades, todas elas gratuítas, prestamos un labor social e promovemos o envellecemento activo dos lucenses, xa que o uso das novas tecnoloxías axudan á xente maior no benestar do seu día a día e facilitan a comunicación cos seus familiares e amigos”. Ademais, o presidente anunciou que “algunhas das novidades deste trimestre están orientadas ao fomento da vida saudábel e a favorecer habilidades cognitivas e psicomotrices”.
Campos e Méndez, nun plano máis concreto, sinalaron que 30 das 36 cursos e obradoiros programados para a sede de InLugo requirirán inscrición previa (son un total de 371 prazas) e que o prazo para facelo ábrese este mesmo xoves, pudendo facelo as persoas interesadas a través das páxinas da Fundación TIC e máis da Deputación de Lugo, ou ben chamando ao teléfono 982 225 186. Os outros 6 obradoiros serán de asistencia libre, cun máximo de 100 prazas en total.
Campos Conde tamén fixo referencia aos inmellorábeis precedentes dos que parte esta nova achega divulgativa e formativa de InLugo: unha exitosa serie de entregas trimestrais de cursos e obradoiros que nas últimas convocatorias esgotaron as prazas o primeiro día de inscrición. “Para nós é unha gran satisfacción que o traballo que realizamos no InLugo se vexa recompensado pola alta demanda por parte dos nosos maiores”, apuntou.
Respecto das novidades destas novas xeiras, o presidente dixo que se vai impartir por vez primeira un obradoiro de aplicacións para smartphones, “facendo especial fincapé nas aplicacións móbiles máis relacionadas cos hábitos saudábeis, como podómetros ou elaboración de receitas e menús para maiores”. Ademais, engadiu, incrementarase o número de cursos de exercicios mentais relacionados, sobre todo, coa memoria, a través do uso de tabletas, Wii e ordenador.
A maiores, fixo saber que ao abeiro de InLugo vanse retomar talleres que no seu día tiveron “moi boa acollida”, como por exemplo unha actividade sobre o uso da rede social Pinterest para compartir imaxes. Tamén se recuperarán actividades sobre retoques de fotos con aplicacións para móbiles e tabletas. Por último, Campos sinalou que a Fundación TIC e a Deputación manterán os talleres dos venres pola mañá, unha das novidades do primeiro trimestre deste ano, “que tivo moi boa acollida entre os usuarios do InLugo”. Son sesións nas que, ademais de repasar contidos, introdúcense novidades, en función das demandas dos participantes, como por exemplo o emprego da banca móbil.

PUBLICIDADE