A Deputación da Coruña móstranos nunha campaña como identificar e combater as fake news

martes, 16 de febreiro do 2021 S. P.

A Deputación da Coruña vai organizar unha campaña en liña para pór freo ao preocupante fenómeno das informacións falsas que chegan a través das novas canles da información, facilitando á cidadanía recursos para saber identificalas e diferencialas das verdadeiras. A iniciativa, que se materializa a través de Europe Direct A Coruña, incluirá unha serie de obradoiros e debates cos que analizar o universo informativo europeo.
As actividades, dirixidas tamén a mobilizar coñecemento que axude a romper a cadea de transmisión de bulos, desenvolveranse ao longo de febreiro e marzo.
Poderán participar persoas de entre 18 e 30 anos que sexan membros do Club UE.
Baixo o título Información vs. Desinformación, contarase cunha serie de persoas convidadas e un obradoiro impartido conxuntamente coa plataforma de fact checking Maldita.es.
O primeiro obradoiro, Onde buscar información sobre a UE, transmitirase o xoves 18 de febreiro en horario de 16.00 a 17.00 horas. Nel, informa a Deputación da Coruña, “introducirase a temática e ofreceranse solucións para consultar información veraz e oficial relacionada coa Unión Europea”.
O xoves da semana seguinte, 25 de febreiro, Maldita.es ofrecerá un obradoiro de verificación de noticias falsas sobre a UE, nunha iniciativa da rede nacional de centros Europe Direct, coa participación da Representación da Comisión Europea en España, baixo o título Cres todo o que les na redes?
O 4 de marzo pecharase a campaña con Que non che colen nin un bulo!, unha actividade coa que aprender a protexerse da información falsa. Participará Verónica Ramallal, directora executiva de Pekecha, que compartirá cos asistentes claves para detectar a desinformación na Rede, entender as causas pola que se forma e saber como reaccionar.
Os únicos requisitos para inscribirse nestas actividades é formar parte do Club UE, ao que poden unirse persoas de entre 18 e 30 anos. As persoas que xa son membros poderanse inscribirse nos obradoiros de xeito individual. A páxina web da Deputación Provincial da Coruña, serve como plataforma tanto para unirse ao Club UE como para anotarse nas actividades da campaña.

PUBLICIDADE