A Deputación da Coruña estrea unha plataforma turística integradora e participativa

mércores, 13 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Máis tecnoloxía, máis participación integral e máis colaboración cos concellos. Este podería ser o resumo de obxectivos da actual estratexia turística da Deputación de Pontevedra, que se materializa nunha plataforma de promoción “adaptada aos novos tempos” e coa arela de facer o propio co sector, contribuíndo á súa modernización. A plataforma, que foi presentada hoxe polo deputado Xosé Regueira, ten nas súas palabras o obxectivo principal de “responder aos avances do século XXI”, achegando unha canle interactiva que visualice os diferentes destinos da provincia e, sexa, a maiores, unha ferramenta de utilidade para os concellos.
Regueira lembrou na súa intervención “o importante labor de actualización e mellora da administración en materia turística e de apoio aos entes de xestión”, un labor que se manifesta en cousas como o financiamento integral da incorporación de persoal técnico ás oficinas de información turística en 53 dos concellos da provincia, cun orzamento de 700.000 € que supón, nas súas palabras, “un esforzo na creación de emprego no sector que se complementa coa liña de apoio a Museos e Centros de Interpretación ao que se destinaron 350.000 euros”.
Volvendo á plataforma en si mesma, Regueira recordou que é froito dun importante traballo de actualización para acadar un recurso que fose alén dun simple espazo en liña de promoción turística. De feito, quíxose crear en boa medida un obradoiro común de traballo. Así, ademais de fornecer de información dos distintos destinos, a plataforma “ten a singularidade de incorporar unha intranet que vai permitir contacto directo entre a área de Turismo da Deputación e o persoal dos concellos para que a colaboración sexa máis eficaz”.
Regueira, que estivo acompañado na presentación da xefa de sección, Maite Loureiro e o técnico da empresa adxudicataria do concurso, Óscar Vázquez, lembrou que a páxina web está xa operativa na Rede, baixo o dominio turismo.dacoruna.gal. Abrangue, entre outras cousas, unha parte pública orientada a fornecer información en aberto, e máis unha interna de interacción entre o persoal técnico da Deputación e os concellos. Esta parte interna, lembrou Regueira, pon en xogo “un sistema de colaboración que se inaugura por primeira vez no sector en Galiza”. A páxina tamén destaca pola facilidade de uso que mostra, pola súa vontade de achegarnos á actualidade do turismo coruñés (sección de actualidade e axenda) e por aproximarnos (tamén) a información completa dos seis xeodestinos provinciais, os bens patrimoniais, os distintos camiños ou os programas de promoción da Deputación como o de turismo escolar ou industrial.

PUBLICIDADE