A Deputación da Coruña e a CEC formarán a 150 persoas nos novos xeitos de traballar e facer comunicación

xoves, 26 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña e a Confederación de Empresarios da Coruña están a impulsar un programa de formación para adestrarnos nos principais conceptos, prácticas e metodoloxías dos novos xeitos de xestionar, traballar e producir. O programa inclúe oito cursos cun total de 215 horas sobre contabilidade, nova comunicación, redes sociais, ofimática ou técnicas de venda. Poderán participar uns 150 profesionais e, tamén, persoas desempregadas. O investimento incluído é de 30.600 euros, dos que o 80% (24.480 euros) serán achegados pola institución provincial.
A iniciativa, froito dun convenio asinado polo deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, e o presidente da patronal coruñesa, Antonio Fontenla Ramil, desenvolverase nas sedes das delegacións coruñesa e compostelá da CEC e en diversos concellos da provincia, que se determinarán en función das solicitudes das persoas interesadas neste programa.
Os cursos celebraranse até finais de 2018 e inclúen un total de 215 horas de formación en cuestións como ferramentas de comunicación (40 horas), habilidades para a xestión e resolución de problemas (50 horas), introdución á contabilidade (15 horas), Web 2.0 e redes sociais no entorno de traballo (20 horas), Excel avanzado (15 horas), novo regulamento de protección de datos (5 horas), técnicas de venda (35 horas) e habilidades para o traballo en equipo (35 horas).
Segundo explicou José Luís García, a iniciativa “pretende fomentar a formación continua dos traballadores en activo e, ao mesmo tempo, favorecer a inserción laboral dos desempregados, mellorando a súa cualificación profesional”.

PUBLICIDADE