A Deputación da Coruña apoia o proxecto carnotán Galicia Remota para captar nómades dixitais
martes, 19 de setembro do 2023
A
Deputación
da Coruña aprobou unha subvención para o financiamento do proxecto
piloto Galicia Remota, en colaboración co Concello de Carnota.
Con esta iniciativa búscase” crear un novo modelo de turismo,
innovación e sustentabilidade para facer do rural un polo de
atracción de persoas que poidan desenvolver o seu labor profesional
en teletraballo desde calquera lugar do mundo”, explicou a entidade
provincial, engadindo que a contribución da institución coruñesa
contribuirá ao financiamento da actividade cunha achega de 24.000
euros, o 80 % do orzamento total, que ascende a 30.000 euros.
Máis
polo miúdo, Galicia Remota pretende ser “un novo modelo de turismo
no que as persoas traballadoras en liña vexan unha oportunidade na
que vivir experiencias únicas de crecemento persoal e profesional e
descubran novos lugares ao mesmo tempo que desenvolven o seu traballo
en liña”.
Nun
plano aínda máis específico, o obxectivo da iniciativa é
“contribuír a frear o despoboamento do rural” e “convertelo
nun lugar de emprendemento, amosando que é posíbel traballar en
remoto desde lonxe das cidades cunha maior calidade de vida e sen o
trafego cotián das grandes urbes", explicou o presidente,
Valentín González Formoso, que subliñou que a creación de
actividade e emprego no rural e a loita contra o despoboamento é un
dos eixos estratéxicos da acción política do goberno provincial
coruñés.
Unha
ducia de nómades
Un
grupo de 12 nómades dixitais internacionais poderán vivir durante
tres semanas, do 8 ao 30 de outubro, no rural do municipio e axudar a
motivar o tecido emprendedor local. A idea é abordar distintos
problemas locais como por exemplo “a escasa iniciativa empresarial,
a presenza de negocios con pouco valor engadido e o turismo
estacional e de baixa calidade”.
Durante
a súa estadía, as persoas participantes desta primeira experiencia
realizarán distintas actividades como: obradoiros con artesáns,
visitas guiadas de aprendizaxe, visitas culturais, coloquios
específicos sobre emprendemento, etc.
Co
apoio a este proxecto do Concello de Carnota, a Deputación mostra o
“seu compromiso coa loita contra o despoboamento do rural e co
impulso do desenvolvemento económico e social da provincia”.
Novo
alumeado para o campo de fútbol de Lombáns
O
pleno aprobou tamén, por unanimidade, o convenio entre a Deputación
e o Concello de Carnota para financiar con 115.000 euros as obras de
mellora de eficiencia enerxética do campo de fútbol de Lombáns. A
Deputación achegará o 80% do investimento (92.000 euros). O
proxecto inclúe a renovación das luminarias existentes,
substituíndo a tecnoloxía actual por equipos LED para mellorar a
eficiencia enerxética da instalación, localizada no lugar de
Capelán, na parroquia de San Mamede.
En
concreto, na actuación enmárcase a substitución dos proxectores
que iluminan o terreo de xogo; o tendido de novas redes de terra para
acompañar a liña subterránea de alimentación aos proxectores; a
adecuación da instalación de iluminación e forza interior e a
realización de novos cadros de mando.
Con
estes traballos búscase mellorar as condicións enerxéticas do
lugar, acadando unha maior visibilidade á vez que se consegue unha
maior eficiencia.