A Deputación da Coruña acollerá unha charla sobre seguridade informática para pemes

luns, 19 de maio do 2025 Redacción

A Deputación da Coruña organiza o vindeiro mércores 22 de maio ás 12.00 horas a actividade Ciberseguridade ao alcance da túa PEME: Protexe o teu negocio cunha ferramenta efectiva, unha sesión formativa de balde dirixida a pequenas e medianas empresas e profesionais autónomos que busca mellorar a súa capacidade de protección fronte aos ciberdelitos.
A charla, de 60 minutos de duración, celebrarase de forma presencial na sala Juanjo Gallo da sede provincial e contará coa colaboración de ISMS Forum, entidade adherida ao Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, do que a Deputación é entidade fundadora.
A sesión enmárcase nas actividades do Grupo de Traballo de Empresa de CIBER.gal e abordará cuestións clave como a importancia da ciberseguridade no tecido empresarial, as principais normas e estándares que afectan ás empresas (como a NIS2, o Esquema Nacional de Seguridade ou a ISO 27001), así como a presentación dunha ferramenta práctica: Cybersecurity in a box, deseñada para facilitar a implantación de medidas efectivas nos negocios.
Ademais, os asistentes poderán coñecer de primeira man o labor do ISMS Forum (Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información), un referente no ámbito da seguridade dixital a nivel estatal.
A participación na actividade é totalmente gratuíta previa inscrición en liña.