A Deputación da Coruña achegará a Europa o tecido emprendedor coruñés este xoves
martes, 13 de maio do 2025
A Deputación da Coruña organiza o vindeiro xoves 15 de maio ás 10:00 a sexta edición das súas xornadas para emprendedores no marco da Startup Europe Week 2025 (SEW25), un evento europeo promovido pola Comisión Europea que busca fortalecer os ecosistemas emprendedores locais. A cita terá lugar no coworking do Pazo de Arenaza (Oleiros), espazo integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo.
O evento, limitado a 24 participantes e cun formato world café, permitirá aos asistentes conversar directamente con representantes de catro iniciativas empresariais con base tecnolóxica e creativa: Aguia Analítica Avanzada, especializada en inspección de estradas mediante IA e imaxes de drons; YepCode, ferramenta de automatización e integración; Artgonuts, app de exploración turística con mapas intelixentes; e Cero de Costa, marca de roupa sustentable inspirada na costa galega.
Os impulsores destas startups –Juan Pan (Aguia), Marcos Muíño (YepCode), Javier Toral (Artgonuts) e Yago Fernández (Cero de Costa)– participarán nun formato próximo que busca o intercambio de boas prácticas e ideas innovadoras entre emprendedores.
O programa inclúe tamén a conferencia Produtividade x10 con IA para lanzar a túa StartUp a cargo de Isaac Martín, fundador de ChavetasTech, e unha intervención sobre innovación na Unión Europea por parte de Isidro Laso, alto responsable no European Innovation Council nas áreas de intelixencia artificial, dixitalización, espazo e mobilidade.
A Startup Europe Week está presente en máis de 300 cidades de 50 países e reúne máis de 250 organizadores. Dende o seu inicio, máis de 200.000 emprendedores participaron nas distintas edicións, converténdoa no maior evento rexional para emprendedores a nivel mundial. A Deputación da Coruña participa por sexto ano consecutivo, reforzando a súa aposta polo emprendemento innovador na provincia.