A Deputación da Coruña achega audiovisuais para loitar contra os bulos LGTB+

martes, 12 de novembro do 2024 S. P.

A campaña Ser e Sentir da área de igualdade da Deputación da Coruña amplíase coa publicación dunha serie de pezas audiovisuais que teñen como obxectivo desmontar as novas falsas ou fake news contra o colectivo LGBT+, e que se poden visualizar na canle de Youtube da Deputación, máis en concreto na web da dita campaña e nas redes sociais da entidade provincial.
Así, esta serie de microvídeos #DesmontandoPrexuizos poñen o foco contra as mentiras a respecto da diversidade sexual:“Estas pílulas son unha ferramenta moi poderosa, pois non só axudarán a desmantelar prexuízos e bulos, senón que tamén inspirarán á comunidade a unirse nesta causa común contra a LGBTfobia nun espazo como o das redes sociais, onde se atopa un público moi amplo e diverso”, sinala a deputada de Igualdade, a outense Soledad Agra.
“Queremos, con este traballo, transmitir información que nos permita rachar as mentiras que a diario escoitamos por diversas vías e que só buscan estender mensaxes de odio. Deste xeito, pretendemos achegarnos a unha audiencia moi ampla, creando unha atmosfera de empatía e fomentando a reflexión”, engadiu Agra.
Salientar que son 10 pequenas pezas en total que se irán publicando nas vindeiras semanas e que tratan temas como a necesidade da educación sexual na mocidade, a transfobia no deporte, referentes LGBT+ para a mocidade, os estereotipos, o falso mito da moda, a importancia das siglas LGBT+ ou o significado das diferentes bandeiras.