A Deputación da Coruña achega 3,75 millóns en axudas para favorecer a transformación das microempresas, pemes e autónomos

xoves, 11 de agosto do 2022 S. P.

A Deputación da Coruña publicou este mércores 10 de agosto a concesión da liña PEL-Emprende Investimento do Plan de Emprego Local, pola que se destinan 3,75 millóns de euros a un total de 503 microempresas, pemes e autónomos/as de toda a provincia para contribuír á súa consolidación e fortalecemento a través do apoio ao investimento en bens inventariábeis. Inclúese neste paquete o material tecnolóxico e informático en xeral: recursos para favorecer a transformación.
A liña PEL-Emprende Investimento, que estaba dotada inicialmente con 2.760.000 euros e que vai destinada a empresas que conten como máximo con cinco anos de antigüidade e domicilio fiscal en calquera concello da provincia da Coruña, viu aumentado o seu orzamento un 36%, incrementándose este cun millón de euros.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso destacou no acto de presentación das axudas PEL 2022, que o Goberno provincial reforzaría este ano o investimento inicial desta liña con medio millón de euros. Finalmente, este incremento resultou aínda maior, posto que os 2,76 millóns orzados de inicio suplementáronse ata acadar máis de 3,75 millóns de euros co obxectivo de chegar ao maior número de pequenos negocios posíbel.
As axudas cubrirán ata o 70% dos investimentos realizados en aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario, ordenadores e equipos electrónicos, cun importe máximo a conceder de 17.500 euros, sen IVE. Todos eles deben ser elementos novos e directamente relacionados coa actividade da empresa. As axudas concedidas oscilan entre os 2.450 e os 17.500 euros, sen IVE.
“A concesión destas axudas supón un importante apoio económico para que estas 503 empresas poidan adquirir aplicacións informáticas, mobiliario, maquinaria e/ou equipos para procesos de información necesarios para o crecemento, modernización e dixitalización dos seus negocios”, explicaron fontes da entidade provincial.
As persoas autónomas, maioría
En canto á tipoloxía das entidades beneficiarias, o 91,05% son profesionais autónomos/as, con 458 solicitudes concedidas. Ademais, preto da metade (o 47,71 %) das empresas e persoas beneficiarias das axudas desenvolven actividades económicas especialmente afectadas pola pandemia COVID-19. Así, obsérvase que 144 beneficiarios se dedican á actividade comercio, restauración e hospedaxe. Pola súa banda, un 23,46 % das solicitudes concedidas pertencen a beneficiarios con actividades económicas referidas a sectores estratéxicos, emerxentes e de alto potencial de Galicia, dos cales 60 dos beneficiarios se dedican á actividade agrícola, gandeira, forestal e pesca.
Tamén cabe destacar que o 99% todas as empresas que reciben este ano as axudas de PEL-Emprende, todas agás sete, non resultaron beneficiarias na convocatoria anterior.
Pódese consultar a listaxe completa das solicitudes concedidas e denegadas no BOP da Deputación.

PUBLICIDADE