A Deputación da Coruña achega 200.000 euros para o arrinque do centro de coworking de Ames

luns, 8 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A semana pasada o centro de coworking de Ames, emprazado no Polígono de Milladoiro, recibiu un novo e importante pulo á súa materialización e posta en marcha: a sinatura dun acordo entre o Concello e a Deputación da Coruña para a adquisición dun inmóbel, situado na dita área industrial, para ofrecer servizos de traballo colaborativo. O centro terá como finalidade impulsar e apoiar o emprendemento e o autoemprego ligados aos contidos audiovisuais e dixitais. Segundo se recolle no convenio, a Deputación co-financiará algo máis do 35% dos custes do local, cunha achega de 200.000 euros.
Este acordo permitirá que Ames se sume aos concellos de Oleiros, Carballo, Brión e Boiro, onde a Deputación está a impulsar a creación dunha Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo de carácter comarcal e sectorial, adaptados ás necesidades específicas dos sectores profesionais con maior potencial de cada unha das zonas.
O centro de Oleiros estará destinado ao sector da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería ou as enerxías renovábeis; o de Carballo a empresas TIC; o de Boiro ao sector do mar e o de Brión á transformación de produtos do sector primario, mentres que o de Ames centrarase no sector audiovisual e a innovación dixital.
Segundo fixo saber recentemente o presidente da Deputación, Valentín González, “os centros terán ámbito comarcal e a súa finalidade será axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada zona da provincia”. E engadiu: “O noso obxectivo é acompañar aos emprendedores na posta en marcha das súas ideas de negocio, prestarlles servizos e permitir que compartan experiencias, creando sinerxías e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento dos seus proxectos”.
Coworking Ames
A través deste espazo, o Concello de Ames poderá pór a disposición de emprendedores e empresas da comarca servizos e infraestruturas físicas de apoio para apoiar o desenvolvemento do proxecto empresarial na fase preliminar. Será, en palabras da Deputación, “un espazo de acollida temporal pensado para situar empresas nos seus primeiros pasos, acompañalas e fornecelas de determinados servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto empresarial”.
O espazo servirá ademais para que profesionais de diferentes sectores, compartan o mesmo espazo físico para traballar nos seus propios proxectos e facilitar o intercambio de ideas, proxectos, coñecementos

PUBLICIDADE