A Deputación anuncia novas prazas Wi-Fi en Lugo

luns, 30 de marzo do 2015 Redacción

A Praza Maior de Lugo co consistorio ao fondo

A Deputación e o Concello de Lugo anunciaron os días pasados a vindeira creación de tres novas prazas de acceso Wi-Fi que se achegarán de balde á cidadanía. A medida é unha continuación do punto de conexión sen fíos habilitado polas dúas administracións no Pazo de San Marcos, onde se rexistra unha media de 150 usuarios. Os novos emprazamentos Wi-Fi estarán nas prazas Maior, Anxo Fernández Gómez e Campo Castelo. Deputación e Concello anunciaron que estarán en funcionamento a finais da primavera. A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou o venres o convenio de colaboración por valor de 22.000 euros.
Máis en detalle, instalaranse seis 6 puntos de acceso sen fíos (seis puntos configurando un total de tres prazas). Por unha banda, dous puntos na fachada do Consistorio lugués e dous onde está o palco para conectarse á Rede dende calquera punto da Praza Maior. A maiores, habilitaranse outros dous na parte de atrás do consistorio para facer o mesmo nas prazas Anxo Fernández Gómez e Campo Castelo. A conexión, que se poderá facer dende calquera dispositivo móbil (ordenador portátil, PDA, teléfono…), será libre e de balde.
Segundo explica a Deputación, os puntos de conexión da capital non son unha medida illada. Así, sinala, “ás catro prazas Wi-Fi da Cidade da Muralla cómpre engadir as 48 doutros tantos concellos da provincia”. Estas achegas viñeron tamén da man da Deputación, a través do programa Innova-TE, sumando un total de 52. Ao respecto destas prazas, a Xunta de Goberno do pasado venres tamén aprobou a renovación do servizo durante 14 meses. O investimento nesta prestación é de 210.000 euros, supoñendo custo cero para os concellos. Os municipios que se sumaron a Innova-TE e contan con prazas Wi-Fi son os seguintes: Abadín, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, O Corgo, A Fonsagrada, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, Sober, Taboada, Triacastela e Viveiro.

PUBLICIDADE