A DGT dá instrucións para regular o uso dos patinetes eléctricos

xoves, 5 de decembro do 2019 Marcus Fernández

A proliferación dos vehículos de mobilidade persoal (MVP) están a converterse en todo un problema en zonas urbanas, xa que estes métodos alternativos de desprazamento carecen dunha lexislación estatal que estableza as súas condicións de uso, de xeito que as normativas municipais son as encargadas de regular o seu uso, o que crea unha grande confusión entre os cidadáns, que non coñecen as normas vixentes en cada zona.
Por iso, os concellos solicitaron á Dirección Xeral de Tráfico (DGT) axuda para a redacción dos seus regulamentos, cunha base que servise de referencia para crear normativas sobre o uso dos VMP (principalmente patinetes eléctricos), e finalmente a DGT publicou os seus criterios que, pese a estar aínda en fase de tramitación, non impide a instrución deste regulamento formal.
A instrución publicada recolle que un vehículo rodado dunha praza e propulsado por motores eléctricos que poidan achegar unha velocidade máxima por deseño de entre 6 e 25 quilómetros por hora será considerado un VMP, de xeito que o regulamento non afectaría a vehículos sen sistema de auto-equilibrio e con asento, vehículos concibidos para competición, vehículos para persoas con mobilidade reducida e vehículos no ámbito do Regulamento (UE) N2 168/2013 (que recolle a patinetes con asento, ciclomotores... vehículos que precisan de autorización administrativa para conducir e circular, así como contar con seguro e utilizar casco). De xeito xeral, os vehículos que non superen os 6 quilómetros/hora consideraranse xoguetes.
A DGT especifica que non será preciso ter autorización administrativa para circular nun VMP, nin seguro obrigatorio. Tampouco se detraerán puntos ao condutor en infraccións cometidas nun destes vehículos.

Sancións

Os usuarios ce VMP teñen a obriga de someterse a probas de alcohol e drogas, coa mesma contía económica que se conduciran outro vehículo ao superar as taxas de alcohol (500 ou 1.000 euros) ou de detectarse a presenza de drogas no organismo (1.000 euros).
O uso de teléfono móbil usando un VMP sancionarase con 200 euros, ao igual que acontece se o condutor emprega auriculares. Tamén está prohibido circular por beirarrúas e zonas peonís (infracción sancionable con 200 euros). Conducir de noite sen luces ou elementos reflectintes tamén será sancionable (200 euros), así como o uso de máis dunha persoa por vehículo (100 euros).
Quedan a criterio dos concellos definir o uso obrigatorio de casco e outros elementos de protección, así como o estacionamento dos VMP en beirarrúas (recomendando a DGT que estes espazos sexan exclusivos dos peóns).
A DGT lembra que os vehículos que superen os 25 quilómetros/hora non son VMP, polo que empregalos dese xeito suporá a súa inmobilización e unha sanción de 500 euros.

PUBLICIDADE