A Cruz Vermella e Vodafone crean un proxecto para integrar aos maiores na Internet

venres, 26 de xullo do 2013 Redacción

Que as persoas maiores aprendan a moverse pola Rede e que se sirvan da Internet para mellorar a súa vida en aspectos como o lecer, o tempo libre, a comunicación e as redes sociais son as metas que persegue o proxecto tralo que se atopan a Cruz Vermella Española e a Fundación Vodafone España. O dito proxecto -que chega baixo o nome de Formación e optimización do uso das Redes Sociais, os computadores e Internet polas persoas maiores- durará ata marzo de 2014 e grazas a el máis de 4.500 persoas maiores recibirán formación gratuíta sobre as vantaxes que achega o acceso a internet. Dicir que os cursos serán divididos en dous niveis de dificultade segundo os coñecementos dos usuarios.
Deste xeito, o nivel formativo máis elemental tratará os conceptos básicos do computador, unha iniciación a que é Internet, buscar información na rede, envío de correos electrónicos, xestionar actividades de lecer online e emprego das redes sociais. Pola súa banda, os usuarios máis avanzados farán un breve repaso aos aspectos máis básicos do computador e internet, adquirirán coñecementos sobre comercio electrónico e administración electrónica, aprenderán a empregar ferramentas de comunicación (chat, videochamada, foros) e profundarán no uso das diferentes redes sociais.
O contido deste proxecto está estruturado en dez módulos cunha duración que varía entre 5 e 15 horas e disposto en 624 obradoiros. Os distintos programas realizaranse en cidades e pobos de 40 provincias españolas.