A Costa da Morte forma parte da candidatura ó proxecto Cidades Dixitais

mércores, 14 de febreiro do 2007 Raquel Noya

A Deputación da Coruña semella manter viva súa arela por participar no proxecto Cidades Dixitais, que promove a implantación das ferramentas da Sociedade do Coñecemento nas administracións locais. Con este fin, vén de presentar a súa solicitude perante o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, segundo informa EFE. Cómpre lembrar que o órgano provincial xa participou na primeira fase do devandito proxecto e, nesta ocasión, os seus esforzos céntranse en levar a cabo unha “actuación xenérica” en temas como tele-administración e formación e en deseñar un modelo de participación para o resto da provincia.
A deputada provincial do BNG, Raquel Jaberes, sinalou que “os beneficios no ámbito da tele-administración serán inmediatos e visibles, xa que teremos a posibilidade de realizar trámites a través de medios electrónicos, algo que hoxe non está ó alcance da maioría dos cidadáns”.
A proposta da deputación concrétase principalmente en tres proxectos piloto nas bisbarras onde se desenvolven plans de dinamización turística (Costa da Morte, Ferrol-Ortegal e Portodemouros), con actuacións sectoriais en cultura, turismo, comercio e hostalería, pero tamén se proxectan actuacións noutros concellos da Coruña. Grazas á iniciativa, os cidadáns destas vilas poderán realizar os seus trámites coa administración a través dos medios electrónicos e terán acceso ás novas tecnoloxías mediante as liñas ADSL, WiFi e Wimax.

PUBLICIDADE