A Coruña xa conta con 20 iniciativas de emprendemento xuvenil dentro do proxecto Yuzz

luns, 26 de novembro do 2012 Redacción

A conselleira de Traballo e Benestar en funcións, Beatriz Mato, visitou hoxe o centro Yuzz de Santiago con motivo da súa entrada en funcionamento. En Galicia, esta rede –que ten un total de 35 centros en España- conta con instalacións en Ourense, Santiago e Vigo co obxectivo de impulsar un máximo de 20 iniciativas emprendedoras nestas tres provincias.
O programa pon a disposición dos seleccionados o soporte necesario para desenvolver a súa idea no mercado: unha rede de expertos, formación empresarial, asesorías e titorías personalizadas, unha plataforma de traballo colaborativo en liña, así como todo o soporte administrativo e xurídico preciso en caso de que a súa idea poida materializarse nun proxecto empresarial.
Unha vez finalizado o proceso de formación e asesoramento de sete meses de duración que se realiza en todos os centros Yuzz, os mellores participantes realizarán unha viaxe a Silicon Valley, a meca mundial da innovación no eido das novas tecnoloxías. Ademais, ao concluír o ano, os tres mellores proxectos de entre todos os finalistas a nivel nacional recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 e 10.000 euros) para colaborar na materialización da súa idea empresarial.
A provincia da Coruña xa conta con un total de 20 iniciativas de emprendemento xuvenil para formar parte do proxecto Yuzz, impulsado pola Fundación Banesto coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar. Esta iniciativa, dirixida á xuventude entre os 18 e os 30 anos, ten como obxectivo estimular ideas innovadoras de base tecnolóxica que poidan ser susceptibles de traducirse nun proxecto empresarial.

PUBLICIDADE